O Sergas, condenado

Afirman que no Hospital de Burela xa se negaran a practicar un aborto anterior

[Imaxe: Elisardojm] Hospital da Costa, en Burela

Francisca Fernández Guillén, avogada de Paula (nome ficticio), a muller que deberá ser indemnizada con 270.000 euros polo Sergas debido aos danos causados após derivala a abortar a Madrid, asegura que o caso da súa defendida non foi o único que aconteceu no Hospital de Burela.

En declaracións a Sermos Galiza, Francisca Fernández Guillén, a avogada da paciente que interpuxo unha demanda contra o Sergas polos graves danos que sufriu após enviala a Madrid a abortar, sinala que non é a primeira vez que acontece algo semellante no Hospital da Costa de Burela e e dá conta de dous exemplos que cuestionan as prácticas neste centro do Sergas.. “Antes de interpoñer a demanda en instancias xudiciais, na reclamación administrativa previa xa se puxeron en coñecemento do Sergas e denunciáronse casos terríbeis como o dunha muller inmigrante brasileira que era unha nai solteira, porque a abandonou a súa parella, e cuxo fillo tiña tamén graves malformacións. Fíxose o mesmo que con esta familia. Ocultáronselle á nai estas malformacións até o punto de que tivo o seu fillo e logo viuse nunhas dificultades gravísimas para sacalo adiante polo seu estado de soltería, de precariedade social. E como o caso desta muller hai outros casos de mulleres galegas”, explica.

Francisca Fdez: "Temos unha muller que non puido decidir sobre a súa maternidade e que se atopa agora soa cos resultados dunha situación que se podería ter evitado e que é perfectamente legal en España”

Francisca Fernández indica que a pesar do dramático resultado, a súa defendida tivo medios para ir á sanidade privada e para pescudar o que lle estaba ocorrendo á súa bebé e tivo tamén recursos para contratar avogados e acudir aos tribunais. Porén, a nai brasileira “está soa e non puido facelo así e este neno non está recibindo a axuda e os coidados que necesita o seu gravísimo estado”. “Temos unha muller que non puido decidir sobre a súa maternidade e que se atopa agora soa cos resultados dunha situación que se podería ter evitado e que é perfectamente legal en España”, asegura a respeito da lei que regula as interrupcións dos embarazos e que permite os abortos en caso de malformación do feto.

Aliás, a avogada dá conta doutro exemplo que pon en cuestión o Hospital de Burela. Así, Francisca Fernández alude a un caso denunciado por unha nai alxerina “á que se fixo asinar que entregaba en adopción ao seu fillo con documentos en español cando esta nai só falaba francés”. “O que alí [en alusión ao Hospital de Burela] está ocorrendo é coñecido polos responsábeis políticos do Sergas e é moi grave”, salienta.

O caso de Paula

A Paula (nome ficticio), segundo nos revelou a súa avogada, ocultóuselle información no Hospital de Burela. A súa bebé nacería cun retraso mental severo e con malformacións físicas incompatíbeis coa vida ou que lle implicarían unha existencia con discapacidades gravísimas de seguir adiante co embarazo, mais isto, segundo Francisca Fernández, ocultáronllo. No momento de acudir á sanidade privada, Paula puido coñecer as malformacións do feto. O hospital deixou transcorrer o tempo até que case no oitavo mes de embarazo o comité de ética aceptou o aborto.

A afectada foi sangrando no seu coche particular a Madrid e, dado o seu estado, foi trasladada en ambulancia do centro privado ao hospital La Paz, onde case perde a vida

“Sen facerlle análises nin controis do embarazo”, di a avogada en declaracións a Sermos Galiza, o Sergas derivou Paula a Madrid. Foi sangrando no seu coche particular e cando chegou ao centro privado en que se lle ía practicar o aborto e os facultativos viron a gravidade da súa situación (útero moi vascularizado con hemorraxia) foi trasladada ao hospital público de La Paz de emerxencia. Estivo a piques de perder a vida pola hemorraxia. Finalmente, extraéronlle o útero e a criatura naceu viva. Como en La Paz non coñecían a información clínica de Paula, porque o Sergas non llela fornecera aos pais, preguntáronlle ao proxenitor se querían reanimar a nena. “Figúrate que situación! Ter que dar estas explicacións neste contexto...”. Ao cabo dunha hora, falecía a nena.

A raíz deste caso, o xuíz condenou o Sergas a aboar 270.000 euros en concepto de danos e prexuízos a esta familia e advirte na sentenza de que “a neglixencia médica está en todas as partes”, desde o atraso á hora de autorizar ao aborto ao feito de derivar a Paula a Madrid. “Inaceptábel obsérvese desde onde se observe”, salienta o xuíz do Xulgado do Contencio Administrativo número 2 de Lugo.

As malas prácticas da Consellaría de Sanidade en caso de abortos por malformación do feto e pasadas as 14 semanas foron reveladas por Sermos Galiza a inicios deste ano. En declaracións ao dixital, unha afectada sinalaba que se se sentía indefensa porque cría que a sanidade o estaba a facer ben.