Homenaxe en Oleiros ás vítimas do franquismo polo Día da Galiza Mártir

Ofrenda floral do BNG en Oleiros esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
O BNG de Oleiros lembrou esta terza feira as vítimas do franquismo con música e flores.

Tal e como vén acontecendo nos últimos anos, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Oleiros conmemorou o Día da Galiza Mártir esta terza feira cun acto na localidade oleiresa.

"Para rachar coa imposición dos silencios da (des)memoria e recuperar a luz do día e do futuro voces, historias e persoas que loitaron por e para a liberdade", salientou a formación nacionalista. 

Este ano, a conmemoración centrouse principalmente na figura de tres persoas represaliadas pola ditadura franquista: Julio Teijo Fernández, panadeiro e militante da Confederación Nacional do Traballo (CNT), fusilado en setembro de 1936; a súa prometida María Carreira Miragaya, morta de tuberculose meses despois e vítima dunha represión non visíbel, e Julio Sanz Martín, practicante da Mariña e alférez de fragata, preso no cárcere da Coruña e atopado nunha cuneta en Tatín, Ouces (Bergondo).

En declaracións a Nós Diario, o responsábel local do BNG de Oleiros, Uxío Pedreira, salientou que o acto "pretendeu ser unha homenaxe a todas aquelas persoas que dunha maneira ou outra sufriron a represión no seu día".

Pedreira destacou especialmente o caso de María Carreira Miragaya, xa que foi "unha vítima practicamente anónima. Non morreu dun modo violento así que, ás veces parece que non conta como vítima da represión franquista pero debe ser lembrada como tal".

O acto que o BNG de Oleiros organiza cada ano ten unha parte importante de divulgación acerca do acontecido neses anos após a guerra civil. A este respecto, Pedreira manifestou que "o que queremos é que a xente teña lembranza da represión, porque segue estando aí en rúas e museos e no caso galego a represión foi brutal. É a nosa maneira de facer que a cidadanía reflexione".

O que queremos é que a xente teña lembranza da represión, porque segue estando aí.

'A memoria viva'

A Mocidade Galega pola Memoria organizou tamén esta terza feira un acto na cidade de Pontevedra que levou por título A memoria viva. O acto foi presentado polo cantante e escritor Xurxo Souto e contou coa presenza da responsábel da área de Memoria da Deputación de Pontevedra,  María Ortega, así como por Kiko da Silva, Pepe Álvarez, Mariña Paz, Conchi Candán e Diego Bará. O acto contou coa música de Eladio Santos.