Multitude de actos lembran as persoas represaliadas polo Día da Galiza Mártir

Agosto, na Galiza, quedou sinalado como o mes en que se homenaxea de maneira pública en vilas e cidades as persoas que foron represaliadas pola ditadura franquista. A data central é o 17 de agosto, lembrando o día en que asasinaron a Alexandre Bóveda e que quedou instituído como o Día da Galiza Mártir. 
Mapa cos actos deste mes de agosto con motivo de lembrar a represión franquista (Infografía: Nós Diario).
photo_camera Mapa cos actos deste mes de agosto con motivo de lembrar a represión franquista (Infografía: Nós Diario).

Como aconteceu con numerosas actividades nos dous últimos anos, tamén os actos públicos de homenaxe ás persoas que sufriron represión desde 1936 e que se lembran no mes de agosto, volveron á normalidade tras a pandemia. Tendo como data central o 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, numerosas institucións locais e asociacións organizaron actos por toda a xeografía galega.

O mesmo día 17 de maio terá lugar o acto institucional principal na Caeira (Poio) ás 13 horas organizado polo Concello e no que intervirán Amalia Bóveda, filla do histórico político galeguista; representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da Fundación Castelao; Marga Caldas, concelleira de Memoria Histórica; e Luciano Sobral, alcalde. No mesmo lugar entregarase o premio “Galiza Mártir” aos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo.

Nesta xornada, mais en Pontevedra, será o acto cívico do Día da Galiza Mártir ás 19 horas no cemiterio de Santo Amaro organizado pola Fundación Alexandre Bóveda. Ás 20 horas a praza de Curros Enríquez acollerá o evento político nacional do BNG no que intervirán Andrea Ferrer, Galiza Nova; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; e Ana Pontón, portavoz nacional. 

Tamén o 17 de maio lembrarán na cidade de Lugo o Día da Galiza Mártir. Será no Vello Cárcere ás 11.30 horas e consistirá nunha ofrenda floral e na lectura do manifesto da Fundación Alexandre Bóveda intervirán no acto o deputado provincial de Memoria Histórica, Efrén Castro; e a concelleira de Cultura e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro

Na Pobra do Caramiñal, coincidindo coa data, farase ás 12.30 horas unha ofrenda floral na rúa Alexandre Bóveda e ás 13 horas exporase o bosquexo da escultura pola memoria histórica elaborada por Manuel Teira nos Xardíns de Valle-Inclán.

Tamén en Boiro ese día realizarase a homenaxe anual a unha persoa represaliada, este ano Cándido Castillo González "O Pichón", ás 20.30 horas na rotonda de Cimadevila.

Por último, e tamén mañá, inaugurarase en Fene a exposición Rostros da memoria do fotógrafo Xurxo Lobato na praza do 10 de marzo da parroquia de San Valentín ás 20.30 horas.

Homenaxes o 18 de agosto

O día 18 de agosto será Compostela quen homenaxee Ánxel Casal ás 12h na praza do Toural nun acto organizado polo BNG local. Intervirán Goretti Sanmartín, portavoz municipal; Navia Rivas, concelleira; e Luís Bará, deputado do Parlamento Galego e experto en Memoria Histórica. Ao remate actuará o grupo Cantamadeira

Pouco despois, en Marín, ás 13 horas está anunciada a homenaxe a Carmen Pesqueira “A Capirota” na praza Carmen Pesqueira na Roda. Organizada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, intervirán familiares de Carmen Pesqueira, Asún Bernárdez Rodal, Ana Acuña Trabazo e actuará o grupo A Revolta. 

Ese mesmo día, A Coruña contará coa súa homenaxe polo Día da Galiza Mártir organizado pola Agrupación Alexandre Bóveda. Será ás 19.30 horas na rúa Alexandre Bóveda, en Catro Camiños, e nela intervirán o investigador Carlos Babío e actuará o dúo Bellón Maceiras.

Fechan os actos do día un recital poético-musical en Pontedeume e a homenaxe a Alexandre Bóveda e Federico García Lorca na praza de San Miguel ás 20.30 horas no que actuarán a Coral Polifónica Eumesa, o Grupo Lírica, Matilde Castro, Olga Rico, Susana Día e Sandra Pouso. 

Máis actos o 19, 20 e 28

Lembrando a Ánxel Casal, Pepiño Areosa e todas as vítimas da represión, o 19 de agosto ás 20 horas na estivada da Ribeira, en Cacheiras (Teo), realizarase un acto institucional que estará conducido polo alcalde, Rafael Sisto e no que participarán representantes institucionais dos Concellos de Arzúa e Compostela ademais de  membros da Asociación A Oliveira, precursora desta homenaxe. 

A Gudiña e Terras de Viana, pola súa parte, contarán cunha homenaxe a Anuncia Casado o 20 de agosto ás 18.30 horas  no lugar de Reverdeitas, en Viana do Bolo, e continuará no cemiterio do Castro dese mesmo municipio, onde foron depositados os seus restos, tras recuperalos os veciños dunha fosa onde a enterraran os seus asasinos. O acto rematará ás 19.30 horas na Casa da Viúva da Gudiña, domicilio natal do último alcalde republicano da localidade, Felicísimo Pérez, cunha palestra onde intervirán os investigadores Dionisio Pereira e David Simón máis a investigadora Lola Varela. 

Fecha o mes a homenaxe ás vítimas do fascismo nas Terras de Entrimo o 28 de agosto ás 18 horas no Torreiro da capela da Sobreira, en Ferreiros, coa inauguración dun monumento. Intervirán familiares das vítimas, a asociación de veciñas e veciños de Ferreiros, Ramón Alonso. alcalde de Entrimo; e Carlos Morais, do Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia. Actuarán Xosé Constenla, Roberto Sobrado, Leo de Matamá e a poeta Olga Novo.

Comentarios