Un home asasina a súa muller na Pastoriza

Acto contra o feminicidio

Manuela Iglesias Fernández foi asasinada polo seu marido no concello da Pastoriza. Após o feminicidio, o home suicidouse.

Na Rigueira, no concello da Pastoriza, foi asasinada a última hora da tarde do sábado 25 de xaneiro Manuela Iglesias Fernández, de 79 anos, presuntamente polo seu marido, Hortensio Ónega, quen após o feminicidio suicidouse saltando pola xanela da casa.

Manuela Iglesias foi atopada no seu domicilio ao redor das 20,30 horas pola súa neta e a parella desta, e apresentaba un forte golpe na cabeza, ademais de varios cortes na cara e pescozo, e atopouse ademais un coitelo xunto ao corpo.

A muller convivía co seu marido na parroquia de Crecente, no concello da Pastoriza.

A Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero indicou na súa conta oficial de Twitter que está a solicitar información sobre este novo feminicidio.