Os grupos parlamentarios acordan propostas para enfrontar a violencia sobre as mulleres

Cara ao pacto galego contra o machismo

A proposta de ditame pretende mellorar a prevención e loita contra as violencias machistas (En negro contra as violencias)
Case seis anos de traballo callaron onte na aprobación en comisión parlamentaria dunha proposta de conclusións e recomendacións que, malia terse cualificado como "de mínimos", pretende ser o primeiro paso de cara á aprobación dun Pacto galego contra as violencias machistas.  

Un consenso "de mínimos", mais un consenso. A comisión non permanente de estudos para a igualdade e para os dereitos das mulleres do Parlamento galego pechou onte o traballo que leva desenvolvendo desde 2014 coa aprobación, tamén pola mínima, do proxecto de ditame para a avaliación da aplicación das leis estatal (de 2004) e galega (de 2007) de protección contra a violencia de xénero. Cos votos positivos do PP e a abstención do resto de grupos, e con críticas pola falta de ambición, de concreción e de avaliación real, o documento saíu adiante, e continuará o trámite parlamentario na vindeira sesión do Pleno, en xaneiro. 

O informe –que incorpora un extracto das 83 comparecencias e 28 informes de fontes expertas, administracións e entidades vinculadas ao tratamento e prevención das violencias machistas que interviñeron no proceso de elaboración– detalla 63 propostas para poñer en marcha "en aras de cubrir as necesidades presentadas" pola comisión en materia de economía e emprego, medio rural e mar, sanidade, área social, educación e sensibilización, administración e cultura e lecer, mais  unha última relativa á inclusión normativa do termo "feminicidio". 

Para a portavoz do PP nesta materia, Marián García Míguez, o traballo desenvolvido nas dúas últimas lexislaturas na comisión  "pon as bases" para o futuro Pacto galego contra as violencias de xénero e demostra, coas súas conclusións, que na Galiza "temos unha lei moi avanzada, e máis próxima ao Convenio de Istambul –o marco de referencia no ámbito lexislativo– que a estatal". "Estamos moi por diante na protección, na prevención, nos recursos, na asistencia, na formación, na sensibilización, na educación, no emprego, na economía... en todos os aspectos", considerou. 

A portavoz de Igualdade do PSOE, María Pierres, destacou  por contra as "eivas e carencias da lei e da súa aplicación" detectadas e recoñecidas da comisión, cuxo ditame, dixo, é "un punto e seguido pero en ningún caso un punto final". Nese sentido, a representante socialista censurou que o propio cometido da comisión quedase reducido desde o inicio á análise das leis estatal e galega. "Debera ter sido máis amplo na súa ambición e ter como obxecto a avaliación da aplicación das políticas de igualdade; ocuparse de aspectos transversais", sinalou, para amosarse "a favor de seguir dando pasos adiante con cautela". "Os deberes quedan enunciados, pero non afrontados e moito menos resoltos", advertiu, en alusión á necesidade en avanzar no pacto galego.

Atención ao papel do movemento feminista

"É un primeiro paso necesario e positivo, pero o máis importante vén agora. Temos que facer a avaliación da lei galega, que non está feita por completo de forma rigorosa, malia ser un dos obxectivos da comisión”, concluíu, polo Grupo Común da Esquerda, a deputada Paula Quinteiro, quen cualificou de "insuficientes" as propostas do ditame. "Chega agora unha segunda parte do traballo, o momento das medidas concretas, e estas teñen que vir acompañadas dunha planificación temporal e de orzamento, porque sen recursos non serve de nada que avancemos sobre o papel", alertou. 

Na súa intervención, Quinteiro  emprazou o Parlamento galego a "escoitar o movemento feminista", ao que tamén apelaron as portavoces do BNG e de En Marea. Así o fixo a deputada nacionalista Olalla Rodil durante a defensa das emendas ao texto, onde avogou por unha avaliación "autocrítica" da lexislación "que atenda ao acontecido na Galiza desde hai 12 anos –data da aprobación do texto lexislativo galego–, durante a crise económica, coas consecuencias que tivo para as mulleres e para a igualdade, e ao que ocorreu desde 2017, co avance social que ten a máxima expresión nas folgas feministas e as manifestacións multitudinarias que levamos vividas".

A portavoz do BNG reclamou "medidas concretas que sirvan para avanzar –dado que boa parte das recomendacións do ditame, dixo, están recollidas na lei de 2007, mais non se cumpriron–" e reclamou 1% dos Orzamento da Xunta para a loita contra o machismo e as súas violencias. 

Tamén Paula Vázquez Verao, de En Marea, se referiu á "hexemonía social do feminismo", despois de poñer o acento no consenso acadado polas distintas forzas nestes anos de traballo, dada a "necesidade que existe dun consenso básico nesta materia". "Esperemos que ese consenso non rache por unha connivencia con forzas negacionistas", avisou a deputada, que valorou, sobre as conclusións e medidas incluídas no ditame, que "son todas as que están mais non están todas as que son".

Sen acordo sobre o "feminicidio"

Malia a emenda formulada desde o BNG, a proposta de ditame aprobada onte conclúe que os termos "feminicidio" ou a súa variante "femicidio" non teñen cabida na lei orgánica estatal nin tampouco na galega. En defensa desta posición manifestouse a deputada do PP, ao indicar que o termo "implica asasinato masivo de mulleres, o que non ocorre no noso país, ademais dun desamparo lexislativo a esas mulleres".

"Non tería sentido unha reforma lexislativa para incorporalo", opinou, contra a posición do BNG expresada por Rodil, quen chamou á "reflexión política arredor do concepto de feminicidio".