“Hai sentenzas en Europa que dan valor as nosas demandas”

As enfermeiras eventuais en loita xunto a Ana Miranda no Parlamento europeo (Imaxe: Delmi Álvarez)
Representantes do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita viaxaron até Bruxelas para expór as súas demandas no Parlamento Europeo. Da man da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, cursaron unha solicitude na Comisión de Peticións para que se investigue o uso de contratos temporais polo Sergas.

Durante os días 11 e 12 de decembro unha delegación formada por seis representantes das Enfermeiras Eventuais en Loita fixo chegar as súas demandas ao Parlamento europeo. Antes de aterrar en Bruxelas, a voceira do colectivo, Catuxa Lagarón, explicou a Sermos Galiza que o convite da eurodeputada do BNG Ana Miranda supón “unha grande oportunidade”.

Lagarón describe un contexto de contratos temporais encadeados, desprazamentos e dependencia total dunhas chamadas telefónicas con ofertas imposíbeis de rexeitar. “É o que supón formar parte dunhas listas de contratación nas que non coller supón unha penalización”, denuncia. As enfermeiras eventuais galegas comezaron a mobilizarse a principios de 2019 e as súas demandas petaron na porta da Administración galega, na do Sergas, sentáronse na mesa dos sindicatos e chegaron até o Parlamento de Galiza, sen resposta. 

Xurisprudencia europea

Para o colectivo, a xurisprudencia europea abre unha ventá á esperanza. “Hai sentenzas en Europa que dan valor as nosas demanda”, di Lagarón, que espera que a presentación dunha solicitude á Comisión de Peticións no Parlamento inicie a senda dunha investigación ou requirimento europeo ao Goberno galego. Ana Miranda explica a Sermos Galiza que o Tribunal Superior de Xustiza Europeo denunciou que o encadeado de contratos temporais que permite o Estado español no eido da sanidade “é contrario á norma europea” e un “fraude de lei”.

Algunhas das enfermeiras eventuais concatenan anos de contratos, acumulando até 500. “Se tes as mesmas necesidades durante un tempo prolongado tal vez signifique que son estruturais”, remacha a representante do colectivo.“Tamén queremos denunciar a opacidade do Sergas, xa que incumpre a súa obriga de transparencia, ao non facer público o número de persoal fixo e eventual que traballa nos seus centros, así como os nomeamentos de carácter eventual ou de substitución”, conclúe Miranda.

A eurodeputada do BNG tamén lembrou que a Organización Mundial da Saúde ten destacado que a proporción de enfermeiras por cada 1.000 habitantes no estado español, 5,3, é moi inferior á media europea, de 8,8. “Galiza precisa 8.000 profesionais de enfermería máis, especialmente tendo en conta o envellecemento da poboación e a redución de servizos sanitarios en certas zonas”, precisou.

A protesta de decembro do colectivo, centrada nas pacientes

Este 12 de decembro as enfermeiras volven concentrarse na porta de hospitais e centros de saúde. Esta acción, enmarcada na protesta #12meses12loitas, iniciouse no mes de xullo. No derradeiro mes do ano as enfermeiras poñen o foco nas pacientes,“nas que revirten realmente a nosa situación precaria”. “Loitamos por aumentar a confianza que tes nos nosos coidados, aportando tranquilidade nos momentos de incertidume e dor”, afirma o colectivo.“Demandamos é que nos deixen facer con máis calidade no noso traballo”, explica a súa voceira, Catuxa Lagarón. “No momento no que as pacientes entenden a nosa postura trasládannos o seu apoio. Percibímolo tanto o día da Oferta Pública de Emprego en Silleda (á que as enfermeiras asistiron vestidas en negro) como nas doce loitas”.