“Non sempre hai contratación fraudulenta”, di unha responsábel do Sergas

[Imaxe: Xunta] Margarita Prado, directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, na súa toma de posesión

Malia a polémica crecente coas listaxes de contratación do Sergas, a directora xeral de Recursos Humanos do servizo, Margarita Prado, pon de manifesto que “non sempre hai contratación fraudulenta” en relación á concatenación de contratos.

Xusto no día en que o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita facía público o seu manifesto contra a precariedade, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado, defendía a concatenación de contratos. Dixo, ao respeito, que “non sempre hai contratación fraudulenta”.

A responsábel do Sergas defendeu as contratacións que, lembrou, foron avaladas por sentenzas xudiciais, e salientou as medidas adoptadas, como a oferta pública de emprego desde 2012 e o novo nomeamento de persoal eventual con contratos de até tres anos. “Algunha cousa si que facemos, e semella que a facemos ben”, ironizou.

Pronunciábase así en resposta a unha pregunta do parlamentar do PSdeG Julio Torrado, quen advertiu dun “problema de precariedade grave”. “Contratan a tempo parcial pero explotan a tempo completo”, denunciou o socialista.

A alto cargo do Sergas cifrou en 38.609 o persoal do servizo. Sinalou que se trata da “media diaria” de efectivos que “reflicte a realidade do cadro de persoal dos hospitais e centros de saúde”. Puntualizou que debe distinguirse “os efectivos das prazas dotadas” e presumiu de que sexa o número “máis alto dos últimos dez anos”.

Para tratar de escapar das críticas, Prado advertiu de que os datos que ofrece o Sergas “non teñen por que coincidir cos doutros organismos, porque os criterios que se aplican son diferentes”. A forma “máis fiel” é a que utiliza o Sergas, defendeu.