Contradín as cifras do Consello de Contas e do INE

Enfermeiras Eventuais en Loita acusan á Xunta de terxiversar os datos sobre temporalidade

Protesta do colectivo [Imaxe: @Mnika271]
O colectivo critica que o Executivo galego forneza datos incorrectos cando todos os informes publicados até o de agora sitúan Galiza na cola do Estado en canto ao rateo de profesional-doente. 

O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita rexeita as declaracións da Xunta realizadas estes días por non se corresponder á realidade dos feitos. Así, mentres o Executivo galego resalta que das preto de 11.000 enfermeiras e enfermeiros o 88% é persoal estable, as afectadas remiten ao informe de fiscalización do Sergas do Consello de Contas nos que se cifra a temporalidade nun 40% en Atención Especializada e nun 28% en Atención Primaria.

Lembra ademais que esta porcentaxe está "moi afastada do acordado" entre a Administración e varios sindicatos sectoriais no Plan de estabilidade do emprego e provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (2017-2018), no que, apuntan, "se comprometían a diminuír desde o 8% actual até o 5%, a porcentaxe que, segundo eles, representaba o persoal eventual". 

Esta disparidade, sinalan as Enfermeiras Eventuais en Loita, vén confirmar "unha vez máis que a Consellería de Sanidade ten como única pretensión, publicitar como datos reais, unhas cifras terxiversadas e edulcoradas co único obxectivo de sacar rédito político". 

Critica o colectivo tamén que a Xunta diga que o cociente enfermeira/doente é de catro por cada cen -a cifra sería superior á media do Estado- cando o Instituto Nacional de Estatística sitúa Galiza "na terceira posición pola cola en España". "Non aceptaremos ningún dato por parte da Xunta de Galicia até que ser comprometa pór en funcionamento un sistema de rexistro de persoal que permita cuantificar e definir con exactitude e actualizado o estado da totalidade do persoal de enfermería do Sergas", engade. 

Datos falsos

Tampouco concordan as Enfermeiras Eventuais en Loita coa dato de que foron 1.519 as prazas ofertadas polo Goberno galego entre 2013 e 2019, pois "esquece dicir que entre 2006 e 2015 non houbo convocatoria ningunha de OPE, que no ano 2015 as prazas foron 205 e no 2016, 830, un número máis que insuficiente para cubrir as necesidades reais do colectivo". 

Subliñan tamén que a Administración leva moito tempo "recorrendo a formas alegais para cubrir ausencias do persoal fixo: non se cobren moitas das incapacidades temporais dos traballadores fixos e refórzanse os persoais das plantas con contratos de acumulación de tarefas tamén usados para cubrir ocos estruturais, impedindo e alongando a súa conversión en vacantes". 

Así, cualifican os contratos eventuais de continuidade postos en marcha polo Sergas como "fraudulentos e como un parche que estenderá aínda máis a precariedade na enfermería".

A plataforma avoga, por contra, por "xerar todas aquelas prazas que se perderon durante a crise e non se cubriron debido á taxa de reposición, aumentar o número de enfermeiras contratadas e unha política transparente á hora de abordar a situación real do colectivo".