“Hai que evitar que coa desculpa da produción enerxética convertan outra vez Galiza en zona de sacrificio”

Unha das palestras que decorren esta fin de semana en Pontevedra, no encontro 'Temos Alternativa'

Por volta de 300 persoas participan esta fin de semana nas xornadas ‘Temos Alternativas’, un encontro para debater e reflexionar sobre o modelo enerxético. Activistas ambientalistas, representantes veciñais, economistas, comuneiros ou enxeñeiros toman a palabra nunha cita organizada pola Coordinadora Eólica Así Non.

Este sábado e domingo o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle centos de persoas [a xornada antes do inicio as inscritas superaban as 250] participar no encontro ‘Temos Alternativa’, xornadas, organizadas e autoxestionadas polos colectivos que conforman a Coordinadora Eólica Así Non, e na que a través dunha trintena de palestras abordarase o modelo enerxético actual e as alternativas ao mesmo.

“Imos debater sobre que modelo enerxético queremos, que modelo precisamos, cal é o que a Galiza precisa”, explica a Nós Diario Roi Cuba, de Adega, un dos colectivos que fai parte da Coordinadora. “Para iso precisamente cítanse aquí persoas que teñen diferentes visións e experiencias”, indica, mais que partillan que o actual modelo non é o que o país precisa.

 É un encontro entre plataformas de afectados pola invasión eólica, entidades ecoloxistas, sindicais, culturais, veciñais, comunidades de montes e especialistas no eido da enerxía, desenvolvemento territorial, protección ambiental ou paisaxística, e do dereito administrativo. Todos eles para achegar de cara ao deseño colectivo e social dun modelo enerxético alternativo para Galiza, “que contrapoña o actual modelo depredador e abusivo das grandes promotoras eléctricas, apoiadas polas Administracións públicas galega e estatal”, como indica a organización. 

“A recente aprobación de 77 declaracións de impacto ambiental favorábeis de proxectos eólicos por parte da Xunta e outras 7 por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica vén de constatar o papel que teñen reservado as administracións públicas para Galiza: ser zona de sacrificio para satisfacer as necesidades enerxéticas dos territorios hiperconsumidores, como Madrid ou outras metrópoles europeas, a pesar de que os galegos e galegas xa producimos máis enerxía eléctrica da que consumimos, exportando o 30%, e que o 75% da mesma procede de fontes renovábeis, polo que xa superamos nun 57% os obxectivos da UE en materia de renovábeis para 2030”, apunta.

Nesta liña, Roi Cuba considera que a Galiza “non pode ser outra vez unha zona de sacrificio” para sustentar un modelo eólico que entende que non é viábel nin se articula en base aos intereses da sociedade. “Debemos de dar resposta á situación actual” de ‘boom’ eólico, apunta, e indica que as xornadas tamén vai haber un obradoiro sobre ferramentas xurídico-legais para afrontar a “depredación das macroeléctricas”.

Tamén destaca que no encontro haberá presentes voces doutros territorios, para coñecer as loitas que alí se desenvolven e tomar nota de experiencias que se desenvolven noutros pobos, afectados tamén por un desenvolvemento enerxético “expoliador”.

As xornadas “Temos Alternativa” analizarán o papel de Galiza no actual contexto de transición ecolóxica e de produción eléctrica procedente de fontes renovábeis,” co gallo de construír un modelo enerxético partindo do noso factor diferencial como territorio historicamente espoliado para a xeración eléctrica, baixo un modelo centralizador, desposuído de garantías ambientais e sen ningún tipo de reversión socioeconómica no pobo. O mesmo modelo sobre o que agora asentan as eólicas os seus parques industriais por terra e por mar”.


O sábado pola tarde destinarase a coñecer outras formas de produción e consumo de enerxía alternativas, afastadas do oligopolio eléctrico, e máis acordes co espírito orixinal da transición ecolóxica, fundamentadas en modelos de proximidade ou de autoconsumo e comunidades enerxéticas locais. Neste senso, as comunidades veciñais de montes en man común, únicas no territorio galego, teñen un especial potencial que actualmente se atopa coartado pola falta de vontade institucional.

Ademais de avaliar o contexto xurídico-legal no que se están autorizando este tipo de proxectos industriais, especialistas en economía aplicada, dereito administrativo, paisaxismo e organizacións sociais de carácter ambiental ou cultural darán conta de ferramentas e accións sociais ás que se poden recorrer para defender recursos naturais básicos, como a auga, o solo de cultivo ou a biodiversidade, da ameaza destes macroproxectos industriais.