Brigadistas forestais reclaman estabilidade: "Hai moito traballo de prevención por facer nos montes"

Brigadistas en acción levando a cabo unha queima prescrita (Imaxe: Nós Diario)

Brigadistas do Baixo Miño, contratados como fixos-discontinuos  pola Xunta, recollen máis de 300 sinaturas para rematar coa súa precariedade laboral. Nós Diario fala cun deles, Xoán Lois Cabreira, sobre as súas reivindicacións. "Posuímos unha ampla formación e hai suficientes tarefas pendentes para que nos contraten todo o ano", asegura.

“Somos un corpo que actúa nos meses de maior risco incendiario. Antes de 2017 contratábase aos bombeiros forestais por un período de catro meses a través da compañía pública Tragsa. Tras as reivindicacións e os grandes lumes daquel ano aumentouse ao prazo a seis meses, catro dedicados a extinción e dous a prevención. Neses dous meses pouco podes facer”. Así resume Xoán Lois Cabreira, brigadista da Xunta da Galiza, a situación dos seus compañeiros e compañeiras.

Desde 2019, Cabreira é un dos efectivos na demarcación sur do distrito XVIII, no Baixo Miño. "Traballamos en equipos de catro brigadistas, coordinándonos coas motobombas e os axentes forestais. Así foi a miña primeira experiencia. Un aviso de lume e desprazarnos até o lugar do foco para recibir as instrucións", engade. Este é a tarefa que se sucede durante o período de alto risco de incendio forestal, entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.

Facemos tarefas de prevención, pero son moi probres, asegura Cabreira

"As semanas restantes facemos tarefas de prevención, pero son moi probres. Teño compañeiros e compañeiras moi formados ou con moita experiencia e decateime de que hai unha columna de xente moi competente para traballar en prevención, pero que non se aproveita", afirma este brigadista no Baixo Miño.

As críticas de Cabreira non son novas. Desde Consello de Contas, o organismo fiscalizador do Executivo galego, pasando por investigadores e investigadoras das universidades e outros corpos da Consellaría de Medio Rural tense sinalado á Xunta da Galiza, e mais a Consellaría de Medio Rural, por primar a extinción dos incendios forestais fronte a prevención dos mesmos.

"A relación co monte rachou no Franquismo, agora en vez de vivir no monte combatémolo. Cos compañeiros percibimos covardía á hora de acometer mudanzas na lexislación para retirar das contornas urbanas e rurais especies pirófitas como o eucalipto, a acacia ou o piñeiro. Tampouco se ten en conta ás comunidades de montes á hora  de chegar a acordos de xestión. Hai un abandono importante do monte, con comunidades envellecidas, e moito traballo por facer ao que cremos que podemos contribuír", expón Cabreira.

A prevención é urxente, hai áreas onde o mato ou os eucaliptos chegan as portas das casas, urxe o brigadista

Xunto aos seus compañeiros impulsou unha recollida de sinaturas para solicitar unha reunión co conselleiro de Medio Rural e trasladarlle as súas propostas. “Consideramos que hai suficientes tarefas no monte como para deixar de ser persoal fixo-discontinuo e pasar a ter un contrato anual. A prevención é urxente, hai áreas onde o mato ou os eucaliptos chegan as portas das casas. Nun verán con condicións adversas pódese repetir o acontecido en 2017”, advirte este brigadista.

O manifesto non só recolle demandas no eido laboral. “Débese recuperar o rural acometendo a urxente tarefa de volver a un espazo agrogandeiro que faga de mosaico defensivo contra o lume. Mudar a abafante política forestal por especies forestais máis nosas: carballo, castiñeiro ou cerdeira”, apuntan os brigadistas Leticia González , Xán Lois Cabreira , Carlos Dacosta e Sergio Martíns.

O documento recibiu o apoio de investigadores e investigadoras que teñen experiencia no eido forestal e de xestión do medio rural. É o caso de Ana Cabana, Adolfo Cordero Rivera, Jesús de la Fuente, Mar Pérez Fra ou Marcos Álvarez Veloso. Mais tamén outros nomes recoñecíbeis dos ámbitos da cultura teñen adherido a súa sinatura. É o caso de SÉS, Xabier Díaz, Luís Tosar ou Suso de Toro. A maiores, entidades como Adega, Fruga, Cemma ou o Sindicato Labrego Galego apoian as demandas das e dos brigadistas.