Guida Dacosta Ramada, paciente do Hospital da Mariña: "A gastroscopia demorouse oito meses, agora levo catro esperando o resultado"
Guida Dacosta leva toda a vida vivindo en Burela. É usuaria do Hospital Comarcal da Mariña e desde hai máis dun mes participa de segundas a sextas feiras nas concentracións diante do centro co seu cartel denunciando o seu caso: "Listas de agarda de máis dun ano. Dirección dimisión". Asegura que, "cando nos roubaron a área sanitaria" –en marzo de 2018 a Xunta mudou na Lei de Saúde da Galiza as áreas sanitarias e A Mariña pasou a formar parte da de Lugo e Monforte– comezou a deterioración da sanidade pública na comarca.
—Como veciña da Mariña e paciente, que cre que pasou para chegar a esta situación?
Prometeron que nos ían dar os mellores servizos cando puxeron o ladrillo no hospital, todo iso vivino, foi cando nos roubaron a área sanitaria da Mariña, isto está pasando desde hai seis ou sete anos e cada vez a situación vai a peor. Están desmantelando o hospital público comarcal. O que queren é centralizar o servizo nas cidades, pero na Mariña somos case 80.000 persoas censadas e temos unha sanidade pública terríbel.
—Cal é o seu caso persoal?
Teño varias patoloxías, unha delas de Medicina Interna e estou a tratamento pero pendente de diagnóstico e de máis probas. O 8 de maio de 2024, despois de estar en lista de agarda para revisión, por fin fun a consulta e a doutora pediu unha gastroscopia e outras probas. Tiña que agardar a que me chamasen, pasaban os meses sen chamarme, estando eu mal e a tratamento. Fun tres veces a Atención ao Paciente a reclamar, á cuarta dixen que quería falar coa dirección do hospital. Falei coa directora e expliqueille o meu estado e que levaba oito meses agardando pola gastroscopia e que non marchaba de alí sen a cita. Era o 2 de xaneiro deste ano déronme cita para o 7 de xaneiro. Ofreceume ir ao hospital de Lugo pero dixen que nin podía nin quería.
—Déronlle xa o resultado desas probas que lle realizaron?
Non, aínda sigo agardando polos resultados, van aló catro meses e xa fun tres veces a Atención ao Paciente, porque non sei o que sae na miña gastroscopia nin noutras biopsias que me fixeron. Non só pasa nesta especialidade, pasa en todas, eu falo cos meus veciños e veciñas e hai moitos casos que se están complicando porque non temos diagnóstico a tempo. A sensación é que estamos en perigo de morte, o que non morre é porque non lle toca, porque isto é terceiromundista.
—Inflúen estes problemas de atención sanitaria no estado de ánimo colectivo?
Pois si, porque á parte de estar mal de saúde fan que esteas peor porque te sentes abandonada, é como vivir no terceiro mundo, é unha desesperación diaria. Eu vou todos os días da semana ás concentracións diante do hospital desde hai máis dun mes, e levo o meu cartel, que o fixen eu e é a miña verdade, o meu caso e experiencia persoal. Pon “listas de agarda de máis dun ano. Dirección dimisión”, e somos moitas pero aínda teríamos que ser máis porque isto nos afecta a todas.
—E na Atención Primaria hai tamén problemas na Mariña?
Na Primaria funciona todo entre regular e mal. Temos que pedir cita con 15 días de antelación porque antes non se pode. Hai persoal de baixa e xubilacións que non se están cubrindo e a poboación en Burela cada vez é maior e precisa atención médica. Chega até un punto en que hai doentes que aínda non teñen médico de Primaria asignado.