Galiza é o territorio coa peor ratio de rastrexo:73% dos casos de Covid, de orixe descoñecida

Imaxe de arquivo de xente no paseo da Coruña (Arxina).
A porcentaxe de contaxios sen contacto coñecido con Covid-19 incrementouse desde o 11 de maio, coincidindo tamén co aumento de casos.

A plataforma de seguimento de contaxios da Covid-19 da Xunta non é quen de detectar a orixe da enfermidade en 73% dos casos. Son datos divulgados no último informe do Instituto de Saúde Carlos III, que desde hai unhas semanas inclúe información sobre os labores de rastrexo dos territorios estatais. E Galiza é a comunidade cos peores resultados. 

A porcentaxe de contaxios sen contacto coñecido con Covid-19 incrementouse desde o 11 de maio, coincidindo tamén co aumento de casos. O informe que recolle do Instituto Carlos III con datos co 11 de maio ao 27 de xullo indicaba que en 42% dos casos se descoñecía a orixe, mentres que no penúltimo, con información até o 6 de agosto, abranguía 60,3%. Agora, a institución xa fala de 73%. 

En tanto, a Xunta da Galiza segue sen aclarar cantas persoas traballan na plataforma de seguimento de contactos da Covid-19 artellada por Sanidade no mes de maio despois de que o presidente, Alberto Núñez Feixoo, cifrase en máis de 6.000 as persoas que realizan tarefas de seguimento. A Administración galega tampouco aclara a súa relación coa multinacional Grupo Konecta, que neste mes publicou ofertas de emprego para as labores de rastrexo na Galiza. 

Francisco Vázquez Vizoso, voceiro do Movemento en defensa das pensións e médico epidemiólogo, cuestiona o "escurantismo" da Xunta nesta cuestión. "Parécenos moi preocupante non saber cantos rastrexadores hai, que formación teñen ou como se coordinan cos servizos de Atención Primaria ou de Medicina Preventiva", declara a Nós Diario. 

Focos na Galiza

Segundo a Consellaría de Sanidade, na xornada de onte o número total de casos activos ascendía a 1.400, cando hai unha semana o total era de 670. Do total, A área sanitaria da Coruña continúa a ser a máis afectada, estando nela 60% do total de casos rexistrados na Galiza: 851 de 1.400. Dos 118 casos activos rexistrados desde onte, 73 foron nesa área. 

Na de Vigo, detectouse un novo foco de coronavirus que atinxe tres persoas da mesma familia, mentres que os de Pedrafita do Cebreiro, Castro de Rei de Cospeito mantéñense con seis positivos nos dous primeiros casos e dez no segundo.