Sanidade animal apela a extremar o coidado na Galiza pola alerta de gripe aviaria

Galiñas ao aire libre.
Sete municipios das comarcas da Arousa e O Salnés están en alto risco por gripe aviaria. A alerta, declarada polo Ministerio de Agricultura e xestionada pola Xunta da Galiza tras se detectar varios surtos en Europa, prodúcese ante un aumento das posibilidades de transmisión relacionado cos ciclos migratorios das aves na contorna do Complexo Intermareal Umia-O Grove. O aviso prohibe a cría ao aire libre e restabelece a obriga de censar os currais familiares no rexistro habilitado por primeira vez en 2006.  

A enfermidade aínda non se detectou na Galiza, mais o risco de contaxio "elevado" tras a declaración de varios focos en Europa e o aumento dos fluxos migratorios de aves que adoitan facer parada no territorio galego, levou ao Goberno da Xunta a estabelecer unha serie de restricións que afectan a sete concellos das comarcas da Arousa e O Salnés.

O Grove, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia, Cambados, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa integran desde o ano 2006 a Zona de Especial de Risco definida pola Administración estatal a raíz da expansión da influenza aviaria entre os anos 2004 e 2006.

Historia da gripe aviaria

Esta enfermidade vírica infecciosa identificada hai máis dun século, reapareceu en 2003 en Asia, momento no que comezou a súa propagación mundial. Na actualidade coñécense máis dunha ducia de subtipos do virus da gripe que afecta ás aves, dos cales, o máis preocupante é o H5N1, responsábel da alerta declarada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 2005.

Esta versión do virus, a diferenza da que circula nestes momentos por Europa, confirma a Nós Diario o xefe de servizo de Sanidade Animal da Xunta, Jesús Orejas, é de orixe zoonótica, é dicir, que se transmite de forma natural dos animais aos seres humanos. A alerta que se vén de manifestar agora responde ao tránsito "predominante do serotipo H5N8", o mesmo que provocou un andazo similar en 2016 e 2017, e que non supón un risco para a saúde das persoas mais si para a sanidade animal.

Porén, advirte a OMS, a infección humana polos virus da gripe de orixe zoonótica pode seguir producíndose -a partir dunha recombinación entre o virus da gripe aviaria e algún dos virus en circulación compatíbeis coas persoas-, polo que "para minimizar o impacto na saúde pública é esencial asegurar unha vixilancia cualitativa das poboacións humanas e animais, una investigación exhaustiva de cada caso de infección e unha planificación da pandemia baseada nos riscos".

Na práctica, defende, o control da enfermidade nos animais é fundamental de cara a reducir o risco para as persoas.

Patoxenicidade elevada

Neste sentido, o pasado 11 de novembro o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación elevou o nivel de risco por gripe aviaria nas Zonas de Especial Risco (ZER) e tamén nas Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) recollidas na orde ministerial de 2006 pola que se estabelecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria.

Segundo explican a Nós Diario desde o Consello Galego de Colexios Veterinarios, esta normativa fixa un sistema de vixilancia para a detección de focos da influenza aviaria tanto en aves domésticas como silvestres, polo que "en función da valoración do risco que se faga, os niveis de alerta varían, e con eles, as limitacións, de obrigado cumprimento no caso dun risco alto, como o que se acaba de declarar".

Como pasou hai un par de anos, o aumento significativo de influenza aviaria de alta patoxenicidade en aves silvestres e de curral detectado en Europa moveu o Goberno do Estado a elevar o risco e a activar medidas preventivas para evitar a extensión desta enfermidadede facil transmisión fecal-oral. 

Os factores de risco que se determinaron entón, e que se seguen a considerar na actualidade, teñen que ver coa densidade de aves silvestres e domésticas mais coa proximidade das áreas de especial risco e de especial vixilancia a zonas húmidas. Hábitats moi concorridos por aves silvestres, "tamén como lugares de paso, de invernada ou de aniñadoiro para algunhas especies migratorias que nesta época volven abrir as súas rutas habituais cara zonas máis cálidas procedentes de Rusia e de Asia Central", apunta o colectivo de veterinario.

Zonas húmidas

Diferentes grupos de aves cruzan Europa e tamén a Península Ibérica cara África cada ano, e no seu tránsito fan parada no Complexo Intermareal Umia-O Grove. A súa proximidade delimita na Galiza o perímetro da Zona de Especial Risco, no Salnés e na Arousa, onde tamén concorre unha alta densidade de explotacións de aves de curral.

Outra trintena de concellos espallados por todo o territorio  conforman as Zonas de Especial Vixilancia. Ribadeo e Trabada, no contorno do río Eo. Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia, no sitio da antiga Lagoa de Antela. Dumbría, Mazaricos, Vimianzo, Zas, Ortigueira, Porto do Son e Ribeira, a carón da Fervenza do Xallas, da ría de Ortigueira e Ladrido e do Complexo Dunar de Corrubedo. E A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa arredor da área de maior risco.

En todas rexen novos límites e prohibicións, proporcionais ao risco alto no primeiro caso e moderado no segundo. "En xeral, é unha chamada de atención a extremar o coidado para evitar situacións de risco, é dicir, o contacto das aves das nosas explotacións, comerciais e familiares con aves de silvestres de paso que poden traer o virus", confirman os veterinarios.

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]