venres 27/11/20

COVID-19: unha ollada histórica

A COVID-19 non é unha novidade no mundo da epidemioloxía. A súa aparición vén precedida pola entrada en escena de numerosas enfermidades infecciosas, coma o ébola (1976), a sida (1981), a gripe aviaria (1997) ou a gripe porcina (2009), a maioría das cales non chegaron a acadar o grao de pandemia. Esta escalada no tempo vén da man do progresivo quecemento climático e a rápida propagación da COVID-19, da grande interconexión das comunicacións humanas.

A pandemia do coronavirus garda moitas semellanzas coa da gripe española de 1918-19 e a da gripe rusa de 1889-90. En tódolos casos, o mal adopta a forma dunha enfermidade que ataca o aparello respiratorio; desenvólvese en tres vagas sucesivas, das que a segunda adoita ser a máis letal; os menos favorecidos son os máis afectados pola incidencia da enfermidade; e esta acada unha dimensión global en pouco tempo. Ao respecto, a gripe de 1889-90, orixinada no interior de Rusia, expandiuse por toda Europa en seis semanas e chegou ao resto do mundo en seis meses. Pola súa banda, a gripe de 1918-19 matou máis xente nos países que tiñan un sistema sanitario deficiente, coma os do sur de Europa, namentres que naqueles cunha boa sanidade, a mortaldade foi maior nos sectores sociais excluídos dela.

Estas tres pandemias tamén teñen en común a resposta que as autoridades sanitarias de cada país lles deron: en xeral, a posta en práctica de medidas de contención consistentes no feche de escolas e universidades, na prohibición de actos públicos… E mesmo poñen de relevo as deficiencias sanitarias e sociais que eses países atoparon á hora de facerlles fronte: dificultades para identificar e combater o virus, insuficiencia de hospitais para atender tódolos enfermos, mal funcionamento dos servizos públicos, perdas económicas e feche de negocios etc.

Confrontando o panorama histórico das pandemias de 1889-90 e 1918-19 co actual, sorprenden moitas das semellanzas sinaladas. A máis rechamante sería, sen dúbida, as deficiencias sanitarias á hora de enfrontar o mal. Mais no caso da COVID-19 non son froito do funcionamento dunha “lei histórica” que os galegos debamos padecer submisamente de xeito inexorábel. Todo o contrario. A orixe desas deficiencias atópase no proceso de privatización da sanidade galega a beneficio das grandes corporacións e fondos voitre, na sistemática precarización das condicións de traballo do persoal sanitario, no feche de camas, servizos e hospitais… Pola mesma, a enorme mortaldade dos vellos nas residencias (45-50% dos falecidos polo mal) tampouco é froito do funcionamento de ningunha lei histórica, senón, tamén, da privatización consciente das política de atención ás persoas maiores, da súa conversión no negocio duns poucos.

Xa que logo, alguén será responsábel disto? Ou a culpa vai ser só do coronavirus? Seguiremos asumindo como cidadáns esa épica do heroísmo que os medios difunden para enmascarar a precariedade e as miserias do sector sanitario e asistencial? Até cando?

COVID-19: unha ollada histórica
comentarios