Greenpeace leva ao Constitucional a sentenza do Supremo a favor de Ence

O complexo industrial de Ence, en Lourizán, na Ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
O Alto Tribunal mantén a fábrica na ría de Pontevedra

A organización ecoloxista Greenpeace anunciou hoxe que acudirá ao Tribunal Constitucional para tentar reverter a sentenza do Tribunal Supremo (TS) que mantén a concesión de Ence na ría de Pontevedra. O TS estimou o mes pasado os recursos da pasteira e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anulaban a prórroga de 60 anos a Ence, aprobada en 2016 polo Goberno español -en funcións- de Mariano Raxoi.

Greenpeace ve “razoábel” formular un recurso de amparo ante o Constiticional, expoñendo que o TS ofrece unha visión “moi restritiva” da protección do litoral.

Greenpeace continúa dando a batalla para liberar Lourizán, no concello de Pontevedra, da fábrica de Ence, que leva en funcionamento desde 1958. A organización critica as concesións centenarias da fábrica con ocupación industrial no Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT) de Lourizán.

O portavoz de Greenpeace na Galiza, Manoel Santos, explica a Nós Diario que a sentenza do Supremo non está “ben fundamentada". "É sorprendente que nin sequera se mencione o artigo 132 da Constitución española, do que emana toda a normativa de protección do litoral”, sostén Santos. Este artigo concreto sustenta as cuestións referidas ao réxime excepcional do DPMT e o que fundamenta a ocupación excepcional do mesmo, segundo apuntan desde a organización. 

“Cremos que o Supremo confunde a protección do litoral coa protección ambiental que dá o informe da Xunta”, mantén Santos, e engade que “a protección do litoral é moito máis ca un informe ambiental”. Nesta liña, desde Greenpeace consideran que a sentenza do Supremo “non protexe a esencia do DPMT nin a excepcionalidade da súa ocupación” concluíndo que é errónea a inaplicabilidade do artigo 32.1 da Lei de Costas, no que se indica que “unicamente se poderá permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización”, algo que a industria pasteira incumpre. Así, a organización alerta de que o Supremo non está a aplicar esa excepcionalidade.

“A simple presenza de Ence xa está usurpando o litoral”, asegura Santos. “É unha usurpación do mellor que tiñamos no litoral galego, que eran os ecosistemas e as marismas de Lourizán; todo iso era un paraíso que foi exterminado desde 1958”, opina Santos. O mantemento de Ence na ría de Pontevedra pon en risco que o impacto medioambiental “sexa irreversíbel” sobre os hábitats do lugar, unha cuestión que “incluso se inclúe na propia sentenza”, segundo explica Santos. 

"Un traxe a medida"

“Non é lóxico que unha instalación estea no mesmo lugar con máis dun século de concesións. Resulta anacrónico que esteamos privilexiando unha concesión que, neste caso, é preconstitucional, fronte a empresas” que, a día de hoxe, non poderían levar a cabo a súa actividade porque a Lei de Costas llelo impide. Nesta liña, Santos engade que a “vergonzosa” reforma da Lei de Costas do exministro de Agricultura Miguel Arias Cañete, de 2013, “fíxolle un traxe a medida a Ence”.

Desde Greenpeace aseguran que seguirán “dando a batalla”, que  “aínda non está perdida”. Ademais, Santos agradece que o Concello de Pontevedra tamén intente conseguir a nulidade da sentenza do Supremo e asegura que seguirán loitando, tanto no aspecto xudicial como no social. “Non é ético que Ence siga onde está, tendo en conta o historia da empresa”, na que diversas personalidades políticas formaron parte do seu consello de administración, sinala Santos.