Greenalia aumenta a súa aposta eólica e tramita 520 MW a través do Estado

Proxección dos sete novos parques eólicos de Greenalia que vén de dar a coñecer o BOE (Infografía: Nós Diario).
Greenalia quere construír sete novos parques eólicos que reunirían 93 turbinas e unha potencia de 520 MW, cun investimento que superaría os 700 millóns de euros. Cómpre salientar que un dos proxectos, Mistral, ficaría ás portas das Fragas do Eume e solaparíase co parque Santuario, promovido por Enel Green Power no mesmo espazo. Por outra banda, a Xunta vén de aprobar o parque eólico O Picoto (Arteixo).

O Boletín Oficial do Estado (BOE) someteu a información pública o pasado 18 de agosto sete novos parques eólicos de Greenalia SA na Galiza, tramitados a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) por superaren cada un deles os 50 megawatts (MW) de potencia instalada.

De se aprobaren estes novos proxectos, a empresa enerxética desembolsaría un total de 706 millóns de euros para a súa posta en funcionamento. Aliás, no seu conxunto suman 93 aeroxeradores e unha potencia de 520,8 MW. O prazo para presentar alegacións contra os sete parques ficará aberto até o vindeiro 29 de setembro.

Liña de alta tensión Ventisca-Borrasca

Malia tramitárense de forma individual, catro dos parques formarán un 'macrocomplexo' eólico a través da Liña Aérea de Alta Tensión (LAAT) Ventisca-Borrasca, cuxo cableado discorrerá ao longo de máis de 70 quilómetros desde Xove até Pol, pasando por todos os parques eólicos.

O primeiro deles denomínase Borrasca, e afectaría os concellos de Foz, Lourenzá e Mondoñedo. Estaría conformado por 15 muíños e unha potencia de 84 MW. En segundo lugar, o parque Boura situaríase nos termos municipais da Pastoriza e Abadín, e constaría de 13 turbinas que sumarían 72,8 MW. O parque eólico Monzón, pola súa banda, estaría conformado por nove aeroxeradores e 50,4 MW, nos concellos da Pastoriza e Meira. E, finalmente, o proxecto Ventisca completaría o complexo con 16 muíños e 89,6 MW instalados, todos eles en Pol.

A poligonal de Borrasca ficaría a escasos 500 metros da liña de costa, e o aeroxerador máis próximo situaríase a dous quilómetros da mesma e do propio núcleo urbano de Foz.

Así mesmo, segundo a documentación achegada por Greenalia, a infraestrutura de evacuación atravesaría por completo a Zona de Especial Conservación (ZEC) do río Ouro, ao tempo que as Zonas de Especial Protección para a as Aves (ZEPA) da Ría de Foz e da Costa da Mariña Occidental quedarían a 2 e 3,5 km respectivamente. Tamén a liña de alta tensión de Ventisca decorrería por medio da ZEC Ría de Foz "de forma irremediábel", e os aeroxeradores ficarían a apenas 820 metros de distancia da ZEC A Marronda.

E as infraestruturas do proxecto eólico Monzón, na súa totalidade, situaríanse na zona de transición da Reserva da Biosfera das Terras do Miño.

No que atinxe á biodiversidade, nestes catro parques localizáronse até catro especies vulnerábeis de morcegos e outras tres aves recollidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) —a tartaraña cincenta, a gatafornela e o miñato real—, así como outros dous réptiles en perigo —lagarto verdinegro e lagarta da serra—. Os propios Estudos de Impacto Ambiental (EIA) destes catro proxectos recoñecen que as instalacións "poderían provocar o abandono dos niños e o fracaso reprodutivo" das especies referidas, por mor da alteración de cadanseu hábitat.

Nordés e Mistral, nova ameaza ás Fragas do Eume

No caso dos parques eólicos Mistral e Nordés, Greenalia recoñece no anteproxecto dos mesmos que "compartirán a tramitación, construción e explotación das infraestruturas de conexión comúns", malia se someteren á avaliación ambiental por separado.

O parque eólico Nordés, por unha banda, afectaría os municipios de Cerdido, Moeche e Valdoviño, un emprazamento no que as enerxéticas EDP Renovables e Iberdrola tamén están a tramitar senllos proxectos. O complexo constaría de doce muíños cunha potencia de 67,2 MW. Ambos os dous conectaranse a través da LAAT Nordés-Abegondo, cunha lonxitude de perto de 80 km.

Así as cousas, cómpre salientar que o parque Mistral, de 18 aeroxeradores e 100,8 MW, está proxectado exactamente no mesmo espazo que o parque eólico Santuario —de Enel Green Power—, e o muíño máis próximo ficaría a menos de dous quilómetros do parque natural das Fragas do Eume —pertencente á Rede Natura 2000—. Tamén entraría en conflito con dous dos muíños do parque Roidiz —EDP Renovables—, con idéntico emprazamento.

Aliás, nas prospeccións previas detectouse a presenza de até catro aves vulnerábeis recollidas no CGEA: tartaraña cincenta, gatafornela, escribente das canaveiras e sisón.

Un 'furacán' ás portas da capital galega

Greenalia tramita a través do Miteco un sétimo parque, Furacán, de dez turbinas e 56 MW que se situarían en Brión, Lousame, Noia e Rois. O seu tendido eléctrico, de 20 km de extensión, chegaría até Compostela. Na área de afección deste proxecto atópanse os Bens de Interese Cultural (BIC) das Torres de Altamira e o Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, así como parte da ruta de peregrinación a Fisterra. Tamén tería un impacto sobre a ZEC Esteiro do Tambre, onde desemboca o río homónimo, e sobre a zona húmida das Brañas de Gronzo, a escasos metros da poligonal do parque eólico.

No tocante á fauna, acháronse nos estudos preliminares senllos exemplares da gatafornela e dúas especies de morcego vulnerábeis, todas elas recollidas no CGEA.

Aprobado o parque eólico O Picoto

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolleu nesta segunda feira a aprobación definitiva do parque eólico O Picoto por parte da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais. Este proxecto consta dun único aeroxerador —3 MW— que se situaría no concello de Arteixo, e está promovido por Cortizo Eólicas SL. Contra este parque presentáranse senllas alegacións referidas, entre outras cuestións, ás afeccións sobre a fauna e a flora e a declaración de utilidade pública —que abre a vía da expropiación dos terreos—, mais foron desestimadas pola Xunta.