O verán de...

Nuno Pico 'Grande Amore': "Parézome máis a unha planta de interior"

O artista valadourés Grande Amore (Foto: Janite).
Entrevistamos o artista Grande Amore (Nuno Pico) para o suplemento de verán de Nós Diario.

—Sobre o seu momento actual, en que proxectos está a traballar?
Agora mesmo, estou a tope cos concertos de verán desta xira. Estou tamén preparando temas novos para o próximo disco. Non paro pola casa.

—Cal é o concerto que recorda con máis cariño?
Dos que dei, en marzo deste ano, en Ferreira do Valadouro (a vila onde nacín), no Mercado de Primavera. O concerto empezaba moi tarde, pero aínda así, quedou xente para velo, e o ambiente foi incríbel.

—Como lle gusta gozar do verán?
Non son un grande amante do verán, a verdade. Gústame ter tempo para ir a festas e festivais cos meus amigos ou para ver películas. En verdade, penso que me parezo máis a unha planta destas de interior que a unha persoa que viaxe moito.

—Cal é o lugar da Galiza en que máis lle presta estar?
Sen dúbida ningunha, Frexulfe, a miña parroquia. É o único sitio en que estou tranquilo.

—Praia ou piscina?
Fago todo o posíbel por non ir moito a ningunha das dúas. Debo ser o peor entrevistado de verán da historia dos entrevistados de verán. Síntoo.

—Na praia, é máis de estar na area ou na auga?
En relación coa anterior pregunta, gustaríame aproveitar este espazo que tan amabelmente me cede Nós Diario para recomendar a toda esa xente que, coma min, é animal de secaño, escoitar Criminopatía, un podcast de asasinatos moi interesante.

—Onde non iría nunca de vacacións?
A un sitio destes que é todo praia e xente facendo apoloxía de ir á praia e de estar todo o día pasándoo de marabilla.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
Abril de 2018. Brais, Xosé máis eu fomos ao Porto ver a Sleaford Mods. Penso que é a viaxe máis bonita que fixen.

—Un festival ao que non falle?
O Armadiña, Combarro (Poio).

—Unha canción e un libro que recomende?
Por última vez, versión de Ataque Escampe dun tema de Ana Kiro. E Adiós, María de Xohana Torres.