COMUNIDADE SERMOS

Grande acollida do Sermos Galiza remozado

Deseño atractivo, consolidación do medio, vangarda, avance, profundidade... son moitas e variadas as valoracións que recibimos co relanzamento do semanario, que desde o 4 de febreiro xa está nos quioscos co deseño de Pepe Barro.

As mudanzas coas que comezou Sermos Galiza unha nova etapa o pasado 4 de febreiro están a gozar dunha grande acollida entre o público diverso. O deseño dun dos mellores grafistas do país, Pepe Barro, non deixa ninguén indiferente. Recompilamos, de seguido, a reacción de persoas que representan diferentes ámbitos da sociedade.

Paulo Carril (secretario de Organización da CIG): “Percíbese que o novo deseño de Sermos Galiza non é unha cuestión puntual. Demóstrase con el a consolidación xornalística dun medio necesario que naceu e se desenvolve en clave de país. Vexo nas mudanzas un golpe de efecto que contribúe a converter o semanario nun referente cada vez máis ineludíbel e indispensábel para coñecer o país”.

Antón Losada (analista de actualidade e escritor): “As mudanzas de Sermos –cuxa cara máis visíbel é o seu deseño atractivo- parécenme unha aposta valente e intelixente para reforzar o medio. Galiza necesita respirar con medios escritos en galego e que pensen en galego”.

Silvia Fraga (consultora de comunicación e imaxe): “Non definiría as mudanzas de Sermos só como un redeseño, senón como un avance, unha evolución. Trátase dunha nova conceptualización do xornal, priorizando a imaxe e apostando pola frescura e a fluidez á hora de relacionarnos coas novas. E, ademais, cunha tipografía galega 100%. É unha evolución a favor da cor, da sinxeleza, da busca dunha relación máis visual co lector e, sen dúbida, máis próxima e emocional”.

Lara Rozados (xornalista, actriz e escritora): “O novo Sermos promete. Achega reportaxes en profundidade sobre temas candentes e que era moi necesario tratar na prensa. Un exemplo son as abordaxes que publica no número actual sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, sobre Ence na ría de Pontevedra ou sobre a onda de racismo en Europa. Ademais, faino cun deseño moi lixeiro e limpo. Gosto moito da nova contraportada e da sección Fóra de Serie”.

Xurxo Souto (músico, escritor e locutor): “As primeiras sensacións ao coller o Sermos son, en primeiro lugar, a que transmite a música do papel. Convido a cada leitor a que repare no momento de pasar a páxina. É un movemento de amplo espectro, como unha onda, como un salsieiro, como unha experiencia gozosa que convida ao goce e á reflexión e a analítica. Os mellores contidos están agora no mellor continente. Sermos está á vangarda coa idea da perfección como forma de rigor. Como discípulo de Luís Seoane, Pepe Barro non busca no seu traballo o esteticismo e a beleza por si mesmas, senón que esa perfección formal busca facer un produto mellor; neste caso, a información. Isto é algo co que nunca poderá competir a internet”.

Manuel Bragado (editor e pedagogo): “Gustoume o novo deseño, pois parécenme moito máis ordenadas as páxinas. Ten máis brancos, o que me lembra o deseño dos xornais europeos, como The Guardian. Tamén gostei da tipografía e da cor. A incorporación da cor é discreta, algo que para min é fundamental, pois penso que é algo que hai que utilizar como recurso comunicacional, mais que visual. Moita sorte e máis lectores con esta maqueta”.

Lucía Bayo (xornalista): “Levei unha grata sorpresa ao descubrir o novo Sermos en papel. Presenta un deseño totalmente diferente ao anterior, moi visual e atractivo, con novas seccións e a toda cor. A característica cor azul pasou a ser vermella, o que lle dá máis vida e dinamismo. O estilo, máis parecido ao dunha revista, facilita unha lectura áxil e amena. Parabéns merecidos a todo o equipo e moita forza para seguir no complicado e ilusionante mundo do xornalismo”.

Xabier R. Blanco (xornalista): “Que Sermos Galiza continúe mantendo o pulso cun novo redeseño é unha boa nova para o galego. Moreas e moreas de letras para o futuro”.

Isabel Risco (actriz): "Parabéns ao Sermos polo seu traballo e nomeadamente por esta nova, completa e enchida publicación. Obrigada por transformar a vosa enerxía e esforzo, a da xente que co seu traballo fai posíbel esta publicación, nun novo semanario que enche as súas follas de contidos necesarios, de información precisa, que arremuíña todos os eidos e temáticas para normalizar a nosa vida como galegas e galegos podendo vivir na nosa lingua tamén para informarnos. Longa vida ao Sermos Galiza".

César Carracedo (experto en Comunicación e xefe de Prensa no Concello de Lalín) : "Fisicamente, dá a sensación de estarmos ante unha publicación que gaña en consistencia e, en consecuencia, ante un produto máis sólido. A nivel visual, o seu deseño resulta máis atraínte, máis sedutor á vista, grazas ao peso da imaxe e ao uso da cor nunha fórmula que, en conxunto, resulta máis limpo. En definitiva, é máis gorentoso e dan ganas de saborealo. Mención especial merece a parte dedicada á cultura, arte e lecer. Aquí o deseño é máis suxestivo e adáptase perfectamente á temática da sección cunha atrevida aposta na creatividade".

Sermos Galiza quere agradecer a acollida nos quiosques e os parabéns recibidos desde distintos puntos do país e alén da Galiza. A consolidación do medio só é posíbel co apoio dos lectores e lectoras e dos subscritores e subscritoras. Grazas a toda a Comunidade Sermos por facer posíbel o avance da prensa en galego desde a Galiza.