Gozar do Nadal en 10 pratos

Unha das reportaxes do caderno 'Gozar. (Foto: Nós Diario)
En Cociña do País, o autor convida ás e aos lectores a gozar das súas propostas para estas festas. Atoparás esta reportaxe ao completo e moitos máis contidos de interese no caderno 'Gozar' que sae publicado mañá xunto co Nós Diario.

O frío xa está aquí, os días rematan cedo e as luces de cores adornan as rúas de vilas e cidades: xa é Nadal, e comer podería ser case un sinónimo. Ceas e xantares con familiares, amizades e colegas do traballo ateigarían o almanaque nestas datas na antiga normalidade. Este ano as circunstancias serán diferentes, mais aínda así, todas dun modo ou doutro acabaremos ao redor dunha mesa. A miña intención con este artigo é que sentedes a xantar comigo e presentarvos algunhas ideas, máis ou menos novidosas, para que desfrutedes nestas festas. O menú de hoxe inclúe entrantes, primeiro, segundo e sobremesa. Bon proveito!  

Entrantes

Para comezar abrimos o viño, un albariño do país ben fresquiño, e sobre o mantel, algunhas das lambiscadas deste noso xantar virtual. En primeiro lugar, poderemos gozar duns pequenos canapés de paté caseiro. Foi feito con anchoas e atún pasados polo batedor xunto con ovos e pementos do piquillo. Para os entrantes é moi sinxelo, rápido e ten un gosto moi agradábel.

Ao seu carón temos uns petiscos de masa follada e rulo de cabra, cubertos cunha liña de coulis de froitos vermellos. O coulis entre doce e acedo combina á perfección coa intensidade do queixo de cabra.

A continuación, chegan á mesa os entrantes quentes: o primeiro é un pasteliño de porros e zamburiñas. Unha tortaleta salgada moi semellante a unha quiche e con todo o sabor e aroma que lle dan as zamburiñas. 

O segundo, uns espetos de cebola morada, langostinos e peixe sapo mariñado, acompañados dunha maionesa caseira de alfábega. O peixe sapo foi mariñado nun mollo con zume e reladura de limón, xenxibre, allo e aceite e logo empregouse este mesmo mollo para regar os espetos mentres se facían ao forno. A combinación cítrica do mariñado co peixe e o toque de alfábega da maionesa consegue unha explosión de sabor no noso padal ao mesturalos.

Tanto os espetos como as tortaletas son estupendas como entrante pero tamén ficarían moi ben se os quixésemos cociñar de primeiro prato. 

Primeiros

Logo dos petiscos xa podemos entrar en materia. De primeiro, o ideal sería comer un peixe ou marisco. A chave na orde é sempre ir pouco a pouco e colocar os sabores máis intensos ao final. De non ser así, un sabor máis forte, como o da carne asada ao comezo, non deixaría apreciar sabores máis suaves como o do peixe. Eu tráiovos como primeiro prato unha cremiña de nécoras. 

Esta crema faise con langostinos, nécoras e un rustrido de porro, cebola, cenoria e tomate. Engadímoslle caldo de peixe e tamén un fumet feito coas cabezas dos langostinos refogadas. Despois trituramos todo e pasámolo por un coador chinés para eliminar restos de cunchas. O resultado é unha crema con moi boa textura e cun gran sabor a marisco, é dicir, exquisita.

Unha alternativa ao anterior prato para quen non sexa moi amigo dos froitos do mar podería ser o bacallau. No país veciño teñen mil modos de preparalo pero un dos máis populares é asado, cunha cama de pataca cocida e cuberto cun mollo de cebola confeitada, allo, aceite e pementa. 

Se queres descubrir como continúa este menú vai mañá a polo caderno 'Gozar' que sae publicado co Nós Diario. Tamén podes facer a compra na nosa loxa online. Non perdas ningún segredo de como gozar Galiza por quedar sen algún caderno; fai a subscrición!