Goteiras, inundacións e documentos enchoupados. Este é o estado da Cidade da Xustiza de Vigo

Este é o estado de múltiples documentos na Cidade da Xustiza de Vigo (Foto: Alternativas na Xustiza).
"O nivel da inundación foi importante debido a que hai moitos expedientes mollados, mesmo se teme pola posibilidade de que algún deles sexa irrecuperábel", denunciou o sindicato Alternativas na Xustiza.

O sindicato Alternativas na Xustiza, dependente da Central Unitaria de Traballadoras (CUT), denunciou esta sexta feira que as chuvias dos últimos días provocaron "inundacións" na Cidade da Xustiza de Vigo.

"Están a ficar en evidencia"

"Cando aínda non están instaladas nin a metade das unidades xudiciais na Cidade da Xustiza de Vigo, xa se están deixando en evidencia algunha das eivas denunciadas en plena rehabilitación do antigo Hospital Xeral", denunciaron desde o sindicato.

Segundo indicou Alternativas na Xustiza nun comunicado, ademais do "ridículo espazo" que existe para os arquivos xudiciais, menos de 30.000 caixas polas máis de 110.000 que había nos baixos da rúa Lalín, agora hai que engadir as "inundacións" que tiveron lugar con motivo das importantes chuvias dos últimos días.

"Documentos irrecuperábeis"

"O nivel da inundación foi importante debido a que hai moitos expedientes mollados, mesmo se teme pola posibilidade de que algún deles sexa irrecuperábel", aseverou Alternativas na Xustiza.

Nas fotografías achegadas por este sindicato, pode apreciarse como as diversas goteiras deixaron en mal estado certos documentos almacenados neste edificio da cidade olívica.