'O Gordo' esquiva Galiza nun sorteo que deixa 10 millóns no país: Así se repartiron os premios

Persoal da administración de lotaría número 7 de Vigo celebrando a venda dun segundo premio no Sorteo de Nadal. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

Vigo e Lugo son as cidades máis afortunadas na Lotaría de Nadal 2024, que reparte pola xeografía galega 7 dos 13 grandes premios.

O primeiro premio do Sorteo Extraordinario de Lotaría de Nadal, coñecido como 'O Gordo', esquivou Galiza este ano ao caer integramente nunha administración de Logroño, na Rioxa. Con todo, os outros sete grandes premios que si salpicaron o país repartiron uns 10 millóns de euros, a maioría a través do segundo e terceiro premio.

O 72.480, agraciado co 'Gordo', vendeuse nunha administración de Logroño, pero case a metade dos décimos foron para un club de baloncesto de Madrid. A última vez que o primeiro premio non deixou nada na Galiza foi en 2021, aínda que en 2022 regou A Coruña e A Fonsagrada (comarca homónima) con 360 millóns e en 2023 trouxo pequenas cantidades.

Pero o 40.014, agraciado co segundo premio da Lotaría de Nadal, si deixou 2,5 millóns de euros na Galiza. Esta contía dividiuse a partes iguais entre Vigo e Barbadás (comarca de Ourense), ao venderse dúas series —20 décimos— dese número.

Na cidade olívica foi a administración situada no número 110 da avenida de Camelias a que dispensou por portelo dez boletos do 40.014. Este mesmo estabelecemento tamén repartiu este domingo 80.000 euros ao vender catro décimos dun cuarto premio (77.768).

En Barbadás a administración A Fortuna, situada na avenida de Celanova, repartiu 1.250.000 euros cunha serie do segundo premio.

O terceiro premio deixa 3,7 millóns

O terceiro premio, co 11.840, si estivo máis repartido pola Galiza e permitiu que caesen 3,7 millóns de euros por localidades de todo o país.

O groso foi en Lugo cidade, onde un estanco situado no 492 da avenida da Coruña repartiu un total de 1.250.000 euros ao vender por máquina 25 boletos do 11.840. Só é o segundo ano que este local vende Lotaría de Nadal.

Ademais, vendéronse series completas —dez décimos cada unha— do terceiro premio en locais de Ferrol (estrada de Castela, 93), Viveiro (Praza Maior, 6), O Grove (rúa Luís Seoane, 2) e Vigo (rúa Zamora, 58). Todas elas suman dous millóns de euros en premios.

No municipio de Meira (comarca homónima), o estanco situado no número 14 da Praza Maior vendeu catro décimos deste terceiro premio, o que implica que tocaron 200.000 euros en total. Tamén se dispensaron décimos soltos, cada un deles galardoados con 50.000 euros, en Noia (comarca hónima), Lugo, Vigo, Cortegada (O Ribeiro) e O Porriño (comarca de Vigo).

Cuartos e quintos premios

En canto aos dous cuartos premios, entre ambos deixaron máis de dous millóns de euros na Galiza. Mentres que o 48.020 foi máis discreto, con décimos vendidos en Vigo, O Grove (O Salnés) e Culleredo (comarca da Coruña); o 77.768 estivo moi repartido, ao chegar a 27 localidades galegas.

En concreto, vendéronse series en Santiago, Caldas de Reis (comarca de Caldas), Vigo e Vilanova de Arousa (O Salnés), e tres décimos no Porriño, á parte de boletos soltos en Vedra (comarca de Compostela), San Cibrao (comarca de Ourense), Monforte (Terra de Lemos), Ourense, As Pontes de García Rodríguez (O Eume), Teo (comarca de Compostela), Val do Dubra (comarca de Compostela), Abadín (A Terra Chá), Salceda de Caselas (comarca de Vigo), Touro (comarca de Arzúa), Lourenzá (A Mariña), Lugo, Xinzo (A Limia), Laza (comarca de Verín), Pontevedra, O Grove, Moaña (O Morrazo) e Tomiño (O Baixo Miño).

Dos oito quintos premios que hai no Sorteo de Nadal, tres pasaron pola Galiza: o 37.876 vendeu unha serie en Lugo; o 74.778 deixou 1,25 millóns de euros entre Nigrán (comarca de Vigo), Narón (Ferrolterra), A Coruña, O Porriño, Pontevedra, Lugo, Vigo, Ribadeo (A Mariña), Foz (A Mariña) e Ourense; e o 60.622 vendeu unha serie na Coruña e outra en Ourense.

Vigo e Lugo, as cidades más afortunadas

Das cidades, Vigo e Lugo foron as máis afortunadas. Na urbe olívica, protagonista do anuncio do Sorteo do Nadal deste ano, tocaron uns 2 millóns de euros, a maioría —1,25 millóns— co segundo premio, aínda que tamén se venderon décimos do terceiro, un dos cuartos e un dos quintos.

En canto a Lugo, repartíronse case 1,4 millóns de euros ao venderse 26 décimos do terceiro premio, once dun quinto e un boleto dun cuarto.