O 'Gordo' da Lotaría de Nadal deixa máis de 360 millóns no país

Sorteo extraordinario da lotaría desta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
A Coruña e A Fonsagrada foron as máis agraciadas

O primeiro premio do sorteo extraordinario da Lotaría de Nadal, coñecido como o ‘Gordo’, foi para o número 5.490, dotado con catro millóns de euros á serie. Dúas horas despois de iniciado o sorteo da Lotaría, decorrido hoxe, tocou o ‘Gordo’, deixando varios millóns por todo o territorio galego. Ás 11.21 horas o sorteo sorriu a Galiza, que se encheu de alegría e festa. A cidade máis agraciada foi A Coruña, onde chegaron 360 millóns de euros, seguida da Fonsagrada, con 180.

No caso da Coruña, a administración da avenida de Barcelona vendeu 45 series, o equivalente a 180 millóns de euros, o mesmo que chegou á Fonsagrada.  Estas dúas administracións venderon un total de 900 décimos entre as dúas. Ademais, vendéronse décimos soltos do 5.490 nos concellos de Noia, Porriño, Poio e Vigo, premiados con 400.000 euros cada un.

"Nunca repartiramos ningún premio tan importante", recoñeceu a responsábel da administración de lotarías número 27 da Coruña, Cristina García, que, xunto co seu irmán, repartiu 180 millóns de euros no barrio de Agra do Orzán, na avenida Barcelona. Esta administración, coñecida como 'Deusa da Fortuna', vendeu 450 décimos do número premiado. "Aquí sempre xogamos ao cero", explicou García. Unha boa porción do premio levouna o restaurante 'Gaucho Díaz I', en Cambre, cliente habitual da administración coruñesa.

Pola súa parte, A Fonsagrada foi o outro epicentro do sorteo da Lotaría. A única administración da localidade, na avenida da Galiza, vendeu, como a da Coruña, 450 décimos do número gañador que, segundo indicou o responsábel do estabelecemento, "están moi repartidos".

Outros premios que caeron na Galiza

Ademais do 'Gordo', outros concellos galegos tamén foron agraciados no sorteo. O cuarto premio, co número 25.296, deixou 3,6 millóns de euros en Bueu, onde se venderon 18 series. Este premio tocou tamén noutros municipios como Vigo -con tres décimos- ou a illa de Arousa e Tui -un cada un-. Aliás, vendeuse un décimo en Xinzo e outro en Ourense, premiados con 20.000 euros respectivamente. 

Ademais, unha administración de Santiago de Compostela repartiu tres millóns de euros ao vender 500 décimos do número 87.092, recoñecido co quinto premio. "Vendémolo todo", celebrou José Antonio Trillo, dono, xunto coa súa muller, do estabelecemento do casco histórico.

En Vigo e na Illa de Arousa tamén chegaron 60.000 euros do número 88.509, vencedor doutro dos quintos premios do sorteo da Lotaría de Nadal.