Gorbachov: De dirixir unha superpotencia a anunciar Louis Vuitton e Pizza Hut

O comercial en que participou Gorbachov, de Loius Vuitton (Imaxe: Lois Vuitton).

O recentemente falecido Mijaíl Gorbachov foi unha das figuras chave da política mundial no século XX. Coñecido polo seu papel á fronte da URSS, que levou á disolución do bloque soviético, protagonizou controvertidas campañas publicitarias aplaudidas polos seus seguidores e cuestionadas polos seus detractores.

Corría 2007 cando a firma francesa de bolsos e maletas de luxo Loius Vuitton lanzaba unha polémica campaña publicitaria ambientada na caída do muro de Berlín. O seu protagonista era, precisamente, o derradeiro mandatario da URSS, Mijaíl Gorbachov.

Na imaxe apréciase o ex presidente soviético na parte traseira dun automóbil de época que circula xunto o muro de Berlín, cunha maleta de Vuitton ao seu carón. O lema da publicidade reza: “Viáxase para descubrir o mundo ou para cambialo? Muro de Berlín. De volta dunha conferencia”.

Segundo ten publicado o diario francés Le Monde, foi Gorbachov quen deu a idea de localizar a escena no muro de Berlín e destacaría o importante que foi para el ter contribuído á súa caída en 1989.

A fotografía tomouna unha das creativas máis prestixiosas do sector, a estadounidense Annie Leibovitz, quen tamén retratara no marco da campaña publicitaria da firma de luxo francesa os tenistas André Agassi e Steffi Graf abrazados nun sofá dun cuarto dun hotel de Las Vegas e a actriz Catherine Deneuve nunha estación de tren parisina.

A retribución recibida foi parar á fundación creada polo propio Gorbachov. E, segundo a firma francesa, foi precisamente o destino dos fondos o que o levou a aceptar a campaña publicitaria.

Pizza Hut

Mais para anuncio comercial polémico o protagonizado polo ex líder soviético para a marca estadounidense Pizza Hut. No spot publicitario, Gorbachov e a súa suposta neta chegan a unha sucursal da pizzería en Moscova.

Varios comensais recoñéceno e os de maior idade repróchanlle o caos en que está sumido Rusia. Os mozos, pola contra, salientan a liberdade que supuxeron as políticas do ex presidente soviético.

“Grazas a el temos moitas cousas... como Pizza Hut”, contesta a aparente matriarca da familia, á que todos os comensais contestan cun “brinde” en honor a Gorbachov cos seus anacos de pizza.

O spot foi retransmitido internacionalmente mais nunca viu a luz en Rusia, segundo Newsweek.

Nunha entrevista para Sputnik, Pável Palázhchenko, portavoz da Fundación Gorbachov, explicou por que o político aceptou filmar estes comerciais contrarios ao defendido polo socialismo. O destino dos fondos foron organizacións benéficas que axudaban, entre outros, nenos e nenas enfermas de leucemia.