Falece Gorbachov, o derradeiro mandatario da Unión Soviética

O Hospital Clínico Central de Rusia informou na noite da terza feira do falecemento de Mijaíl Gorbachov, o derradeiro dirixente da URSS, unha das figuras máis destacadas da política do pasado século.

Ronald Reagan e Mijail Gorbachov (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera O ex presidente dos EUA Ronald Reagan e Mijail Gorbachov (Imaxe: Nós Diario)

Gorbachov morreu na noite da terza feira, aos 91 anos, “tras unha longa e grave enfermidade”, informou o Hospital Clínico Central de Rusia. Os restos do Nobel da Paz, que fora ingresado no centro hospitalario para se someter a unha hemodiálese debido aos problemas renais que sufría, serán soterrados no cemiterio de Novodévichi de Moscova xunto aos da súa muller Raísa.

O derradeiro mandatario da URSS foi unha das figuras máis salientábeis da política do século XX. Os partidarios da súa actuación  -que puxo fin á URSS- considerárono un reformador que achegou ao pobo soviético democracia e liberdade coa súa política de glasnost (transparencia) e a coñecida como perestroika (reforma). Mais tamén son moitos os críticos co que consideran responsábel da grave crise socioeconómica e da caída da superpotencia.

O interese de Gorbachov pola política comezou de mozo e en 1971 pasou a formar parte do Comité Central do Partido Comunista da URSS. Sete anos despois era nomeado responsábel do sector agrícola a escala estatal, dados os seus coñecementos na materia.

En 1980, foi elixido membro do politburó, o máximo órgano do poder executivo da URSS e en 1985 ocupou a secretaría xeral do Comité Central do Partido Comunista da URSS, converténdose en líder do país. Un papel desde o que adoptou profundas reformas baixo o concepto de perestroika, a expresión da súa idea de reorganización e reconstrución económica e política que supuxo a introdución de medidas vinculadas á economía de mercado, así como a entrada da iniciativa privada e de empresas estranxeiras no bloque soviético.

Baixo o abeiro da glasnost, xurdiron publicacións independentes e difundíronse programas de radio occidentais e debates do Congreso dos Deputados do Pobo da URSS, nunha época que tamén se caracterizou pola reforma do poder político, até entón centralizado. Unha das medidas máis profundas aprobouse no Congreso en marzo de 1990 e supuxo a creación da figura de presidente, de maneira que o título de xefe de Estado deixou de recaer no secretario xeral do Comité Central do Partido Comunista. Foi entón cando Gorbachov pasou a ocupar a Presidencia.

Achegamento aos EUA

En materia de política internacional, a etapa de Gorbachov como dirixente da URSS caracterizouse por un achegamento aos países capitalistas e á sinatura de tratados antinucleares cos EUA, a quen o entón mandatario se aproximou. Con Gorbachov no poder, a URSS proclamou a fin da inxerencia nos asuntos internos doutros Estados, incluídos os países do Pacto de Varsovia, o que desembocou nun cambio de poder na maioría dos países socialistas e posteriormente na reunificación de Alemaña.

O 16 de outubro de 1990, foi galardoado co premio Nobel da Paz por promover reformas en Europa Oriental e axudar a pór fin á Guerra Fría. O Comité Noruegués destacou entón o seu importante papel na nova relación entre Oriente e Occidente.

Unha grave crise

As políticas implantadas por Gorbachov supuxeron unha profunda e grave crise na URSS. Cando asumiu o poder en 1985, a débeda externa do país era de 31.300 millóns de dólares, un importe que subiu a 70 300 millóns de dólares en 1991. 

Expertos economistas atribuíron a crise ao carácter caótico dunhas reformas que levaron a que a reserva de ouro da URSS diminuíse en dez veces. O Produto Interior Bruto reducírase á metade de 1989 a 1998. 

Os graves problemas na subministración de alimentos levaron o mandatario a aprobar o sistema de cadernos de racionamento. Ademais, en 1991, por primeira vez, rexistrouse unha crise demográfica e a mortalidade superou á natalidade.

A poboación rusa chegou a caer en 3 millóns, segundo os datos de 1992, e a esperanza de vida pasou dos 64 aos 58 anos.

A caída da URSS

Entre os anos 1990 e 1991, moitas repúblicas soviéticas aplicaron medidas para tomar o control sobre as súas economías, chegando a negarse ao pago de impostos ao orzamento da URSS. Para preservar a integridade do bloque, Gorbachov elaborou o proxecto dun tratado que debería dar vida a unha nova federación voluntaria. En agosto de 1991, e en vésperas da firma do novo tratado, un grupo de altos cargos do Goberno da URSS tentaron privar Gorbachov do poder para evitar a desintegración da Unión Soviética.

Así, crearon o Comité Estatal de Emerxencia e o 19 de agosto, aproveitando que Gorbachov pasaba as súas vacacións en Crimea, declararon o estado de emerxencia e a suspensión temporal do presidente. Nas rúas de Moscova apareceron tanques e vehículos blindados, mentres Gorbachov quedou baixo arresto domiciliario en Crimea.

Neste contexto, Borís Yeltsin, presidente da República Socialista Federativa Soviética de Rusia desde o 10 de xullo de 1991, chamou a poboación a saír á rúa para rexeitar as medidas do Comité Estatal de Emerxencia. Finalmente, o 22 de agosto os organizadores do Comité foron detidos e Gorbachov regresou a Moscova. En setembro, a meirande parte das repúblicas soviéticas xa proclamaran a súa independencia e o 8 de decembro Yelstin e os seus homólogos ucraíno e belorruso subscribían, ás costas de Gorbachov, un tratado que certificada a escisión da URSS. O 25 de decembro, Gorbachov dimitía como presidente.

En 1996, Gorbachov tratou de voltar á primeira liña da política e chegou a presentar a súa candidatura nas eleccións presidenciais da Federación de Rusia. Yelstin fíxose entón con máis do 35% dos votos, porcentaxe que o levou a reeditar mandato, mentres que o ex dirixente obtivo só o 0,5% dos apoios.

Críticas do actual líder do Partido Comunista

O pasado ano fixéronse 30 anos da caída da URSS, motivo que levou o actual secretario xeral do Comité Central do Partido Comunista da Federación de Rusia a cualificar Gorbachov de "traidor" pola desaparición do bloque soviético. O 20 de agosto de 2021, Guenadi Ziuganov lembraba que "nestes días cúmprense exactamente trinta anos desde que Gorbachov traizoou o noso país, traizoou os ideais do socialismo, traizoou amigos e aliados, e uniuse á quinta columna que estaba a destruír unha gran potencia, o primeiro estado de traballadores e campesiños do mundo, unha sociedade socialista".

Para Ziuganov, "esta traizón resultou ser unha gran traxedia e un desastre para todos nós. E hoxe, trinta anos despois, vémonos obrigados a facer balance, dándonos conta de que todos os principais problemas, desgrazas e traxedias experimentados por cada familia rusa, o noso país e o planeta enteiro no seu conxunto, en moitos aspectos proveñen daqueles tempos fatídicos" en que Gorbachov estivo á fronte da URSS.

Ao mesmo tempo, Ziuganov salientaba que "o plan para a destrución do noso país non foi desenvolto polos traidores Gorbachov, Yeltsin, Yakovlev, Shevardnadze, senón polos servizos especiais estadounidenses. Chamouse Proxecto Harvard. Ademais, o primeiro capítulo deste proxecto chamouse 'Perestroika', o segundo, 'Reformas' e o terceiro, 'Liquidación'".

Comentarios