Os Gobernos do PP fecharon o 13% dos centros da rede de ensino pública

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante a visita ao CEIP Paradai de Lugo en febreiro deste ano. (Foto: Xunta da Galiza)
Entre 2009 e 2021 fecharon 13% dos centros que integran a rede pública galega de ensino mentres que nese mesmo período só tivo que botar o fechamento o 6% dos da rede privada. Esta, a privada, ten, logo, após pasar a década, un peso maior no conxunto do ensino na Galiza que antes da volta ao poder do PP en 2009.

No período 2009-2021, rexístrase un descenso do número de centros de ensino, a consecuencia de diversos motivos, entre eles a caída da natalidade que implica menos alumnado. Un descenso que se dá tanto nos centros de titularidade pública como na privada, mais de forma ben diferente.

Así, durante esa etapa 164 centros da rede pública, 13,1%, mentres que só o fixeron 6% na rede privada (18 colexios menos). Son datos do Consello Económico e Social (CES), que apuntan como este fechamento de centros de ensino afecta fundamentalmente os centros que imparten educación infantil, con 109 menos, o que supón unha caída do 50,2%. Ademais, o 91% do total de centros de educación infantil perdidos en dito período son de titularidade pública.

Tamén cómpre salientar a caída no número de centros que imparten educación infantil e primaria, que pasan de 683 no ano 2008 a 638 en 2021, 45 centros menos; os centros de titularidade pública redúcense en 49, mentres que nese tramo dáse un incremento de catro novos centros de titularidade privada.

Máis persoal para o ensino privado e menos para o público

Após o incremento do profesorado no curso 2020-2021, as cifras recollidas na publicación Datos e cifras do ensino non universitario 2021-22, publicada pola Consellaría de Educación, reflicten unha redución do profesorado no último curso. Unha vez pasada a etapa de emerxencia sanitaria motivada pola Covid, o profesorado descende na Galiza até as 38.736 persoas, 2,2% menos que no curso anterior, rexistrándose esta caída tanto nos centros públicos (2,8%; 869 persoas menos) como nos centros concertados (1,9%; 109 persoas), aumentando por contra no caso dos centros privados, con 97 docentes máis (3,9%).

Máis diñeiro

Cómpre lembrar que a Xunta aumentou nos orzamentos de 2022 as partidas destinadas ao ensino concertado en oito millóns de euros, alcanzando os 333,3 —14,5% dos fondos totais de Educación—. En comparanza co ano previo á pandemia, 2019, a suba é aínda maior: 19 millóns de euros máis.

Na Galiza hai neste último curso 1.369 centros de réxime xeral en funcionamento, nove menos que no curso anterior, dos que 78,8% son de titularidade pública e 21,2%, de privada. A Galiza está por baixo da media de escolas públicas da Unión Europea —81%—, e moi afastada de países como Alemaña —84%— ou Países Baixos —90%—.

A maior porcentaxe de centros privados localízase nos centros que imparten conxuntamente educación primaria, ESO e ensinanzas postobrigatorias, xa que os 71 centros existentes na Galiza no último curso son de titularidade privada. Desde que Alberto Núñez Feixoo chegou a San Caetano, en 2009, e até 2022, os concertos con colexios privados medraron por volta de 80 millóns de euros.

Os centros privados na Galiza, cada vez máis "segregadores"

Case unha de cada dez das estudantes dos centros privados españois proceden de familias en condicións socioeconómicas 'menos favorábeis', unha cifra que na Galiza cae a case cero, a máis baixa de todo o Estado. A privada na Galiza é, pois, unha barreira cada vez máis forte contra a igualdade.

Na Galiza, o 55,15% do alumnado dos centros privados é de 'contorna media' e 44,85% procede da 'máis favorábel'. A media no Estado español é de 65% de procedencia máis favorecida, 27% desa contorna 'media' e 8% da 'menos favorábel'.  Así, de cada 100 alumnas e alumnos que no Estado español cursan o ensino privado, oito proceden dun ambiente con circunstancias socioeconómicas 'menos favorábeis'. Na Galiza, porén, e segundo este estudo, esa porcentaxe é 0%.