O Goberno reclama ao Estado que active o plan de seca na bacía Miñó-Sil malia a chuvia

Encoro de Cenza durante o pasado verán, cando se situaba en niveis semellantes á actualidade. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
A Xunta reclama ao Estado que active o plan de seca na conca Miño-Sil, cunha situación que cualifica de "semellante" á da bacía Galiza-Costa, que se atopa parcialmente en prealerta de seca.

A ameaza de seca non remite coas chuvias que caeron na Galiza ao longo da fin de semana. Após a declaración de prealerta de seca en 12 dos 19 sistemas de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa, o Executivo reclamou o domingo ao Estado que active o plan de seca na bacía Miño-Sil.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, transmitiu a súa preocupación pola situación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que cualificou como “semellante” á da conca Galiza-Costa, na que a Xunta si ten competencias.

Nesta situación cuestionou que José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica, non active a prealerta nin o plan de seca, limitándose a trasladar “unicamente que están vixiantes”.

Ademais, Vázquez solicitou que se efectúe un “seguimento exhaustivo” do caudal de ríos e encoros.

Sen mencionar a polémica xestión dos recursos acuáticos por parte das empresas eléctricas, con baleirados provocados polo aumento do prezo da electricidade no mercado, a conselleira explicou que en xaneiro as precipitacións foron 64% máis baixas que na media da serie histórica, ao tempo que os caudais dos ríos están 43% por baixo da media de xaneiro na última década.

Encoros por baixo do 30% de capacidade

En todo caso, os datos do Ministerio revelan que algunhas infraestruturas contan neste intre cun nivel de auga encorada anormalmente baixo en comparación coa súa situación nesta época do ano en exercicios precedentes.

No concello do Incio, o encoro de Vilasouto está no 32,71% da súa capacidade máxima, mentres que en Vilariño de Conso os encoros de Cenza e Portas están no 29,5% e 23,95% respectivamente, as cifras máis baixas entre todos os encoros da rexión.

O volume de auga non é moito máis alto no encoro de Salas, no concello de Muíños, que conta cun 31.41% da súa capacidade, ao tempo que a presa de Chandrexa de Queixa tampouco supera o 35%, situándose no 33,68% de auga.

Consumo responsábel

A conselleira reclamou aos Concellos das zonas afectadas un “consumo responsábel”, así como que “apliquen os seus plans de emerxencia”, programación que até o de agora só elaboraron 104 municipios.

Adiantando que se as chuvias continúan a ser “escasas” o principal problema pode chegar cara á primavera, Vázquez advirte que nas próximas semanas comezarían a “aplicarse restricións” en servizos municipais como o rego e a limpeza das rúas se a situación meteorolóxica non muda.

No que atinxe ao Estado, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, comprometeuse hai uns días a discutir a alerta de seca nunha reunión cos seus homólogos dos Estados membros da Unión Europea que decorrerá a vindeira semana.

"Imos seguir moi de cerca a situación para ver que medidas se poden tomar", resolveu.

Sistemas baixo prealerta de seca

A Xunta decretou a prealerta de seca nos sistemas de abastecemento do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; Costa de Pontevedra, río Lérez e ría de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa (marxe esquerda); e río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita).

A prealerta tamén está vixente no abastecemento de río Tambre e ría de Muros; río Xallas, Costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña até o río Anllóns; río Anllóns e Costa da Coruña até o límite con Arteixo; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; e río Mandeo e ría de Betanzos.