A Xunta multa con 200.000 euros a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Naturgy e Iberdrola polo baleirado dos encoros

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, advirte que a sanción pode alcanzar os dous millóns se a fauna e a flora se ven afectadas de gravidade.

Encoro de Cenza durante o pasado verán, cando se situaba en niveis semellantes á actualidade. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Situación do encoro de Cenza o pasado 24 de agosto (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

A Xunta impuxo senllas multas por valor total de 200.000 euros á Confederación Hidrográfica Miño-Sil ─dependente do Goberno do Estado─, así como a Naturgy e a Iberdrola por "mala praxe" ao non comunicar "de modo oficial" á Administración galega o baleirado dos encoros de Cenza, As Portas, Belesar e Salas o pasado verán.

Segundo declarou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o expediente sancionador tramitouse en base á Lei galega de pesca continental.

Con todo, advertiu que o procedemento por parte da Xunta "segue aberto", porque o "descenso abrupto" do nivel dos encoros ─até un 70%─ podería levar multas de até dou millóns de euros se hai "afectación grave" á fauna e a flora, unha cuestión que hai que analizar "nun tempo prolongado".

Tirapuxa a conta do baleirado

A polémica entre a Consellaría e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), organismo presidido por José Antonio Quiroga e dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, remóntase ao pasado verán.

A pesar de que a CHMS alegou que avisara nos meses de xuño e xullo ao servizo provincial de Medio Ambiente en Ourense e á Consellaría de Presidencia a través do 112 da Galiza, a Xunta insistiu en que non o fixo "formalmente".

En calquera caso, o expediente sancionador da Administración galega concluíu cunha multa de 200.000 euros: 50.000 por cada un dos catro encoros, que terán que pagar a partes iguais tanto a Confederación Hidrográfica como as empresas responsábeis de cada un.

Desta forma, o Ministerio abonará 100.000 euros, mentres que Naturgy ─concesionaria das presas de Salas e Belesar─ e Iberdrola ─As Portas e Cenza─ pagarán 50.000 euros cada unha.

"Alterou o trasncorrer dos ríos"

Segundo recalcou esta terza feira a conselleira de Medio Ambiente, o baleirado dos encoros foi "un fenómeno que non era meteorolóxico", senón que se debeu a "actuacións de certas empresas" e da CHMS. "Alterou o transcorrer dos nosos ríos, xa que o baleirado abrupto de 70% supón que as condicións nunca van ser óptimas desde o punto de vista ictícola  nin do patrimonio natural", explicou Vázquez.

Ademais, afeou á institución dirixida por Quiroga que tentase "por todos os medios dicir que non tiña nada que ver", á vez que criticou que "nunca se soubo ben" que ocorreu con aquel expediente que abrira. "A conclusión é que foron da man das empresas e non se abriu ningún tipo de expediente", engadiu.

A conselleira defendeu a actuación do seu departamento, que o que fixo foi "analizar a situación con técnicos" e ver que "non se trasladou a información nin se fixo a solicitude pertinente" sobre as condicións do baleirado "de modo oficial".

Así mesmo, Vázquez puntualizou que todo iso ocorreu en "un momento atípico", cando no verán a luz alcanzou "un prezo exacerbado e non había ningunha condición que propiciase" que nin a CHMS nin as eléctricas "debían facer iso", excepto "a económica".

Comentarios