Renfe sancionará os usuarios que reserven varios billetes e non realicen a viaxe

Trens parados na estación de Santiago de Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press)
Poderá incautar a fianza aos viaxeiros que fagan mal uso dos abonos gratuítos e lanzará outro específico para menores de idade sen DNI

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana modificou as condicións de uso dos abonos gratuítos de media distancia convencional para evitar a incorrecta utilización destes títulos, en especial os comportamentos de determinados usuarios que reservan praza nos trens co abono e logo non viaxan, segundo informou esta segunda feira o Departamento que dirixe Raquel Sánchez.

Segundo recolle hoxe o Boletín Oficial do Estado (BOE) as novas condicións destes abonos entrarán en funcionamento, na súa maioría, a vindeira cuarta, 7 de decembro.

Renfe anulará o abono gratuíto aos usuarios que, polo menos en tres ocasiones, non cancelasen cun mínimo de dúas horas de antelación a reserva da praza se finalmente non van viaxar no tren

Tras detectar irregularidades, o Ministerio de Transportes modificou a operativa de venda e o uso dos títulos multiviaxe gratuítos de media distancia, restrinxindo a formalización de viaxes e a adquisición de abonos e sancionando usos irregulares reiterados, entre outras actuacións.

Sancións

Así, Renfe incautará a fianza de 20 euros e anulará o abono gratuíto aos usuarios que, polo menos en tres ocasiones, non cancelasen cun mínimo de dúas horas de antelación a reserva da praza se finalmente non van viaxar no tren. Aínda que só retirarase o abono da liña na que se detectou un uso irregular, o operador ferroviario non expedirá un novo abono asociado a ese titular para ningunha orixe-destino de media distancia nun prazo de 30 días desde a anulación.

Renfe enviará dous avisos ao titular cando detecte que finalmente non viaxou sen anular a reserva coa antelación requirida

A normativa actual estabelece que, no caso dos servizos ferroviarios de media distancia convencional, os usuarios deben adquirir un abono distinto por cada traxecto orixe/destino, que será válido para viaxes ilimitadas entre a orixe e destino solicitado polo cliente, en ambos os sentidos.

Antes de chegar a retirar o abono e a fianza, Renfe enviará dous avisos ao titular cando detecte que finalmente non viaxou sen anular a reserva coa antelación requirida. A terceira vez que se incorra en uso indebido, procederase a sancionar. Aínda así, estabelécese un prazo transitorio de sete días nos que se informará ao viaxeiro do incumprimento sen que isto supoña a aplicación da medida.

Número máximo de traxectos

As novas condicións limitarán a catro viaxes diarios de ida ou volta o número máximo de traxectos que se permite formalizar por abono e imposibilitarase formalizar dúas viaxes no mesmo sentido até que transcorra o triplo do tempo de viaxe programada.

O Goberno quere evitar así que que desvirtúe a efectividade dunha medida que se fixo con ánimo de incentivar a demanda do transporte público e contribuír a reducir as emisións de CO2.

Novo abono para menores

Por outra parte, en determinados trens, con reserva de praza e alta demanda, Renfe poderá estabelecer unha cota de prazas de pé, é dicir, sen praza reservada, que non superará 10% das prazas ofertadas con reserva de praza, informando da devandita condición de viaxe aos viaxeiros. Nestes trens de alta demanda non estará dispoñíbel selección de asento.

Así mesmo, lanzarase un abono específico para menores de idade sen DNI e só se poderá sacar un título por DNI, NIE ou pasaporte para cada orixe-destino, evitando así usos indebidos destes títulos.

Esta medida entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2023, coincidindo coa activación da prórroga das bonificacións ao transporte público ferroviario.

O Ministerio destaca que os abonos gratuítos para o transporte ferroviario tiveron unha grande acollida por parte da poboación, que xa adquiriu máis 2,2 millóns de títulos.