Unhas 63.000 persoas solicitaron na Galiza os abonos gratuítos de Renfe

Tren de Renfe. (Foto: Europa Press)
O número de viaxes no Avant Ourense-Santiago-A Coruña medrou 145%.

Renfe emitiu 62.677 abonos gratuítos de Media Distancia, Avant e Proximidades de Ancho Métrico na Galiza durante os tres primeiros meses de funcionamento da medida aprobada polo Goberno estatal, destinada a usuarios e usuarias recorrentes para viaxaren gratis en tren até o 31 de decembro, se ben a operadora ferroviaria xa anunciou que estenderá os descontos ao próximo ano 2023.

Nun comunicado, Renfe destacou que, nos tres primeiros meses de validez dos abonos gratuítos na Galiza, o número de viaxes en servizos de Media Distancia medrou case 103% a respecto do mesmo período de 2021. No caso do Avant entre Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña, o número de viaxes aumentou en 145,3% tamén en comparanza co mesmo período. No conxunto do país, 5% da poboación activa xa adquiriu abonos gratuítos.

E a nivel do Estado español, Renfe expediu 2,2 millóns de abonos gratuítos de Proximidade, Rodalies e Media Distancia desde que se puxeron a disposición da cidadanía, o pasado 24 de agosto.

Do total de títulos multiviaxe gratuítos expedidos, 1,6 millóns (71%) corresponden a abonos para viaxar nos diferentes núcleos de Proximidade, Rodalies e Proximidades Ancho Métrico, mentres que os 627.000 abonos restantes (29%) son para traxectos de Media Distancia, detalla Renfe nun comunicado.

Alén dos abonos gratuítos para clientes recorrentes, Renfe vendeu máis de 71.000 títulos con descontos de 50% de Avant para utilizar nos servizos de Media Distancia de Alta Velocidade até o 31 de xaneiro de 2023.

Nestes tres meses, nos servizos de Proximidade o incremento medio en todo o Estado español a respecto de 2021 é de 30,5%, e a demanda sitúase ao redor de 95% en comparanza coa situación previa á pandemia.

Por núcleos, en Madrid creceu 25,7% con respecto a 2021; en Barcelona, 28,7%, e en Valencia, 38,1%. En núcleos como Sevilla, Cádiz, Bilbao ou Donostia o aumento con respecto ao ano pasado sitúase na contorna do 55%. En Málaga, Asturias ou Santander, o crecemento excede 60%.

O incremento de viaxes MD en 2022 é aínda maior que en Proximidades, ao rexistrar 6,9 millóns de viaxes, 2,5 millóns de viaxes máis con respecto a 2021 (59,7% máis) e 1,3 millóns máis con respecto a 2019 (un 22,8% máis).