O Goberno galego poderá intervir as residencias con contaxios pola COVID-19

Residencia de maiores DomusVi en Barreiro, Vigo (Imaxe: domusvi.es)
Unha orde ministerial publicada no Boletín Oficial do Estado hoxe recolle, entre outras medidas, a prohibición do peche, redución horaria ou despedimento das traballadoras dos centros residenciais.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicado hoxe recolle unha orde ministerial que inclúe novas medidas de xestión e control para os centros de carácter residencial de todo o Estado, xa estean destinados ao coidado de persoas maiores ou con algunha discapacidade e tanto para os de titularidade pública como para os de xestión privada. Nestes centros conviven persoas vulnerábeis, pertencentes a un dos grupos de maior risco ante un contaxio pola COVID-19.

Segundo a orde ministerial, os centros residnecias deberán manter a súa actividade, ficando prohibido o seu peche ou a adopción de medidas de redución ou suspensión das actividades ou dos contratos laborais do seu persoal, agás que a autoridade sanitaria competente determine o contrario.

As titulares dos centros, xa sexa a Administración, unha entidade social ou empresa privada, deberán achegar a información “veraz e axustada” sobre as características físicas dos mesmos, relativas ao persoal e mais ás residentes ou pacientes. Os datos serán subministrados coa periodicidade e canles, no caso da Galiza, que determine o Goberno galego.

Aqueles centros que por ausencia de medios persoais ou materiais, ou outras circunstancias, non sexan capaces de asumir as medidas de prevención ou illamento de persoas contaxiadas deberán informar inmediatamente da súa situación ás autoridades competentes.

O Goberno galego terá a potestade para ordenar, por motivos de saúde pública, a alta, baixa, reubicación ou traslado das residentes a outro centro residencial, independentemente da titularidade da súa xestión. Tamén para estabelecer as medidas para a apertura de novos centros.

En caso de que un centro conte con residentes enfermas con coronavirus ou persoas que estiveran en contacto con contaxiadas este será intervido e unha empregada pública asumirá a súa xestión para dirixir e coordinar a actividade asistencial. Na Galiza informáronse de casos de contaxio pola nova cepa de coronavirus en residencias de maiores en Santiago de Compostela, Caldas de Reis, Vigo e Celanova.

Inspeccións e sancións

Respecto ás inspeccións sanitarias, a orde especifica que se poderán realizar en calquera momento, autorizando ás traballadoras públicas a ordenar as actuacións precisas para cumprir coas normas vinculadas “ao control da crise sanitaria orixinada pola COVID-19”.

A orde tamén determina sancións en caso do incumprimento destas medidas, segundo recolle a Fundación Civio. Estas inclúen as multas de entre 601 e 30.000 euros, incluídas na Lei de Seguridade Cidadá que cualifica de sanción grave "a desobediencia ou resistencia á autoridade ou aos seus axentes no exercicio das súas funcións, cando non sexan constitutivas de delito". En caso de que a infracción constitúa un delito aplicaranse penas de entre un e catro anos de cárcere. Se o incumprimento parte dunha autoridade pública esta poderá ser cesada.