O Goberno estatal suspende a avaliación ambiental dos proxectos de parques eólicos

Os plans de Enel Green Power, filial de renovábeis de Endesa, pasan por levantar seis novos parques eólicos na Galiza (Foto: Luis Vilanova).
A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza cualifica a medida do Goberno español de "agasallo envelenado".

Un decreto estatal vén de suspender por tres anos (até decembro de 2024) a tramitación ambiental dos parques eólicos e centrais solares, substituíndoa por un informe de parte sen consulta pública.

Así o denunciou onte a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) que indica, a través dun comunicado, que o Real Decreto-Lei 6/2022 polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan Estatal de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína, trae un "agasallo envelenado" para o medio ambiente galego.

De acordo co Real Decreto, o Goberno español elimina a tramitación ambiental dos proxectos de enerxías renovábeis de competencia estatal, substituíndoa por un "informe de determinación de afección ambiental".

Este documento, de ser favorábel para a empresa solicitante, será equiparábel a unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA), coa diferenza de que non se somete a consulta pública.

"Esta manobra permitirá ás empresas enerxéticas unha tramitación 'express' dos seus proxectos, dificultando, aínda máis, a participación da veciñanza, colectivos sociais e concellos na tramitación de parques que atinxan o seu territorio", segundo denuncian desde Adega.

Xustificación da medida

Na xustificación desta medida de excepción, o Executivo estatal refírese á "crise provocada pola guerra de Ucraína" e á "necesidade de acelerar o antes posíbel a descarbonización e reducir a dependencia enerxética".

Con todo, desde Adega salientan que, o único que traerán esta medida, será unha "maior desprotección ambiental e maiores prebendas para o oligopolio eléctrico".