A Asociación Eólica de Galicia urxe un acordo "político e social" en prol das enerxías renovábeis

Os custos enerxéticos derivados da dependencia rusa son "insostíbeis", advirte.
656 megawatts teñen luz verde por parte do Goberno español (Foto: Europa Press).
photo_camera A última sentenza polo concurso eólico roza o millón de euros (Foto: Europa Press).

A Asociación Eólica de Galicia (EGA) aprema, nun comunicado dirixido aos medios, a sinatura dun acordo "político e social" a favor das enerxías renovábeis ao entender que os custos enerxéticos provocados pola dependencia rusa "obrigan" a unha reacción inmediata.

A asociación advirte que "a monstruosa guerra de Putin" coloca toda Europa nunha situación de "pobreza enerxética". Segundo sinalou a EGA, en febreiro a vida subiu un 7,4%, unha porcentaxe "insostíbel", que se une a outros incrementos como o de "as materias primas e a cesta da compra".

Por iso, a asociación asegura que, se a transición ecolóxica xa "urxía" unha aposta "decidida e inequívoca" polas enerxías renovábeis, a guerra e as tensións derivadas da invasión de Ucraína "obrigan" a unha reacción "inmediata".

Máis parques eólicos

Neste sentido, consideran que "a única solución posíbel" para facer fronte ás subas dos combustíbeis e a luz é unha "maior xeración renovábel".

Nesta liña, a entidade asegurou que a Galiza ten unhas "enormes" posibilidades pola "calidade do vento e un sector consolidado nos últimos vinte e cinco anos".

A Asociación Eólica da Galiza argumenta que "canta máis enerxía renovábel entre no sistema eléctrico, máis se contén o prezo da luz", por iso reivindica a necesidade de producir máis, algo que "só pode vir" pola implantación de máis parques eólicos, tanto en terra como no mar.

En todo caso, apuntan, dentro deste obxectivo "sempre" se debe buscar a conciliación deste impulso eólico co medio rural e mariño.

Comentarios