O Goberno estatal contabilizará os vehículos que circulan pola AP-9

A autoestrada AP-9 ao seu paso por Tui. (Foto: Nós Diario)
Busca controlar as bonificacións a Audasa

O Goberno español avanza na licitación dun contrato para o control das bonificacións da autoestrada AP-9, no cal calcula investir arredor duns 2,1 millóns de euros.

Os descontos, entre eles a gratuidade da viaxe de volta en 24 horas e unha bonificación do 20% para os vehículos pesados en todos os percorridos, que forman parte do acordo de investidura de Pedro Sánchez asinado entre o BNG e o PSOE en 2021, e que se verían ampliados co acordo de 2023, supuxeron un aforro de máis de 315 millóns de euros para as persoas usuarias.

Segundo se recolle na Plataforma de Contratación do Sector Público, trátase dun contrato de servizos de asistencia técnica para o control da aplicación das bonificacións de peaxe na Autovía do Atlántico, que conecta Ferrol con Tui (Baixo Miño).

Desta maneira, a idea do Executivo estatal é auditar a cantidade de vehículos que circula pola mesma, xa que o Goberno de España paga á concesionaria da estrada, Audasa, polas bonificacións de peaxes en función do número de vehículos que usan a vía. O ano pasado, a cantidade que o Estado pagou a Audasa correspondente a estas bonificacións foi de até 36,7 millóns de euros.

Na actualidade, a licitación segue en marcha. Tras coñecérense as ofertas presentadas, a compañía que obtivo unha mellor puntuación é a consultora madrileña Alauda Ingeniería. A Mesa de Contratación, analizada a valoración global do contrato de referencia, propón a adxudicación a favor desta empresa por un importe de 801.963,98 euros. Con todo, cabe agardar a que se feche por completo o trámite para coñecer o resultado final.