O Goberno español terá que explicar perante a UE os informes ambientais sobre Corcoesto

Concentración no Hórreo contra a mina de Corcoesto

Solicitará dados sobre as cuestións que se inclúen nun documento elaborado por investigador@s da USC en que botan por terra a declaración de impacto ambiental outorgada pola Xunta perante a "total falta de rigor na estimación do impacto" que a exposición ao arsénico terá sobre poboación e meio.


O Goberno español terá que explicar perante a Unión Europea a información contida no documento Potencial mobilización de arsénico nos materiais xeolóxicos e residuos mineiros de Corcoesto: Unha revisión crítica, elaborado por investigador@s da Universidade de Santiago de Compostela. A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños remitiuno en xullo á Comisión de peticións do Parlamento europeo para afondar nos danos ecolóxicos que o proxecto mineiro da empresa canadense Edgewater carrexará para a comarca.

Con base no devandito informe, a Plataforma reclamou en Bruxelas que se revisase a declaración de impacto ambiental que lle foi outorgada á mineira pola Xunta da Galiza, ao considerar que se vulnerou a normativa europea. Aliás, pediron que o Executivo español procedese á realización dos estudos epidemiolóxicos sobre a poboación do lugar que @s expert@s recomendan no informe. Pois ben, a Comisión europea vén de sinalar de que incorporará este documento ao seu estudo sobre a declaración de impacto e que pedirá explicacións en Madrid sobre os dados que nel se inclúen.

"Total falta de rigorosidade" na estimación do impacto

O informe da USC bota por terra a declaración de impacto ambiental que se lle outorgou a Edgewater perante a "total falta de rigorosidade na estimación do impacto que terá sobre a poboación" a actividade mineira e, no concreto, o uso de arsénico. A este respeito, recolle que o método empregado pola empresa para medir as emisións "non é válido por non ser un método de referencia na UE e por subestimar a mobilidade real deste elemento químico".

Recalcan, así mesmo, que non se tiveron en consideración os efectos nocivos que a exposición ao arsénico terá non só para o meio natural senón tamén para a saúde das persoas. Agora será a UE quen analice todas estas cuestións.