Competencias

O Goberno español recorre no Tribunal Constitucional a Lei de Saúde de Galiza

A voceira do Goberno, María Jesús Montero, despois do Consello de Ministros de onte. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)

A norma galega chocaría coas competencias exclusivas do Estado español.

Após a reunión do Consello de Ministros desta terza feira, 30 de marzo, a voceira do Goberno estatal, María Jesús Montero, fixo pública a decisión do Executivo de interpor un recursos de inconstitucionalidade contra a modificación da Lei de Saúde de Galiza.

O recurso ao Tribunal Constitucional desta normativa, aprobada o 23 de febreiro no Parlamento galego coa oposición de BNG e PSdG, ven despois da consulta do Goberno ao Consello de Estado, xa co seu ditame decidiuse a presentar o recurso.

A voceira do goberno defende que a Lei de Saúde galega fai modificacións en medidas preventivas e do réxime sancionador que recibiron observacións de inconstitucionalidade por parte dos departamentos correspondentes.

Para o Executivo, esta norma introduce restricións e limitacións aos dereitos fundamentais que chocan co artigo 81 da Constitución, que reserva estas medidas a unha Lei Orgánica para todo o Estado.

Montero puxo como exemplo o artigo 5, que establece entre outras medidas, que Galiza poderá someter “a medidas profilácticas de prevención da doenza, incluída a vacinación ou a inmunización”. Tamén apuntou a inconstitucionalidade do réxime de infraccións e sancións da lei.

Outro dos elementos que cuestiona o Goberno é que as atribucións delegadas nas Comunidades Autónomas por mor do estado de alarma non poden usarse para aprobar esta lei “coma se foran facultades correspondentes a xestión ordinaria das súas competencias”.

Defende Montero que a competencia respecto as bases e á coordinación xeral da sanidade é exclusiva do Estado.

Resposta de Galiza

A resposta de Nuñez Feixóo chegou polo Twitter, onde criticou que despois de non querer aprobar o Goberno do Estado unha norma para xestionar a pandemia “tampouco deixa actuar as comunidades e recurre a Lei galega de Saúde, en plena Semana Santa e sen abrir unha negociación nin dirixirse a Xunta. Vaia idea de co-gobernanza”.

A líder da oposición, Ana Pontón, definiu o recurso como “unha polémica interesada” e criticou o uso partidista que fan PP e PSOE do Tribunal Constitucional, “cuxa renovación segue pendente pola liorta entre ambos para asegurarse o seu control”.

No remate da rolda de prensa posterior ao Comité Clínico, Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade da Xunta, laiouse do recurso ao TC e criticou que o Goberno español non tentara dialogar con Galiza por medio da comisión bilateral na que se debaten os conflitos de competencias.

Comesaña indicou que a Xunta non ten máis información agora mesmo, só a chamada da ministra para informalo da presentación do recurso, mais defende que a lei galega “aprobouse crendo que era necesaria”.

“Cremos que o lóxico era ter feito unha modificación da lei orgánica”, explicou o conselleiro, que salientou que “tivemos que facelo para a mellora da seguridade xurídica” cunha lei que “non vai contra ninguén”.

Dependencia

O Consello de Ministros tamén aprobou unha partida de 283 millóns de euros para financiar a dependencia.

Segundo informa a Delegación do Goberno transferirase a Galiza o 6.97% do total, 19,73 millóns de euros que terá que xestionar a Xunta.