Os antidisturbios levarán cascos con cámara de vídeo incorporada

Namentres o ministerio de Interior ten anunciada unha reforma da lei de seguranza cidadá pola que ficará prohibido tomar imaxes destes axentes, eles si poderán gravar as manifestacións. Unha axencia española cita fontes da policía e sinala que o obxectivo é ''identificar de maneira máis efectiva os radicais máis violentos''


Os axentes da Unidade de Intervención Policial da policía española, coñecidos como 'antidisturbios' levarán cascos cunha cámara integrada para recoller imaxes e sons como "un elemento máis para garantir a seguranza e o normal desenvolvemento dos eventos". Así o sinalou o director da policía, Ignacio Cosidó. 

Así as cousas, namentres o Goberno camiña cara á prohibición da toma de imaxes destes axentes incluso durante as cargas policiais a través dunha modificación da lei de seguranza cidadá, a policía si que poderá ir con cámara ás manifestacións "susceptíbeis de derivar en enfrontamentos para gravar os seus agresores". 

Os antidisturbios xa empregan hoxe cámaras de man para captar imaxes das persoas que fan parte de protestos e concentracións. Porén, di a dirección da policía que ao incorporalas no casco os axentes poderán ter "as mans libres". Segundo sinala unha axencia de noticias española que cita fontes policiais, as gravacións "servirán de instrumento para identificar de maneira máis efectiva os radicais violentos". 

Vixiar e castigar na impunidade

"Dá a casualidade que o único medio que temos para denunciar a brutalidade é xustamente a captación de fotografías e de videos que constaten esa brutalidade", e as difundidas nos últimos meses "deixaron claro" que o que viñan denunciando os movementos sociais e contra a tortura "non só é verdade, senón que é máis grave do que pensabamos", subliñou Renato Núñez, voceiro do Movemento polos dereitos civís, namentres valoraba para Sermos Galiza o anuncio da reforma na lei de seguranza cidadá que prohibirá as gravacións a policías. 

Daquela este xornal contactou tamén co Observatorio polos dereitos e as liberdades Esculca. Pola proximidade do Día da Patria, recuperamos as declaracións do seu presidente, Fernando Blanco, a respeito do proceder da policía vai facer agora un ano.

Sinalou que os relatorios d@s observador@s de Esculca deron conta de "numerosas identificacións desvinculadas da finalidade de prevención da delincuencia e cun obxectivo intimidatorio" e apuntou que a actuación policial estivo "absolutamente dirixida", requerindo a documentación en función do aspecto físico das persoas, da vestimenta, de información previa vinculada á ideoloxía "ou identificando incluso horas despois das manifestacións".