''O que quere o goberno español é mallar en nós na intimidade''

O Movemento polos dereitos civís e o Observatorio polos dereitos e as liberdades Esculca opóñense á pretensión do goberno español de prohibir que se capten imaxes da policía e dos antidisturbios. Amnistía Internacional constata nun informe que os métodos que empregan "non sempre cumpren coas normas internacionais"

O uso desproporcionado da forza por parte da policía española e dos antidisturbios, constatado en imaxes que se difundiron a través das redes sociais, ratificouno Amnistía Internacional nun informe en que a organización non gobernamental recalca que os métodos policiais empregados no estado "non sempre cumpren as normas internacionais".

Acrecenta Amnistía que as investigacións criminais dos feitos após as denuncias presentadas polas persoas agredidas "non foron exhaustivas, imparciais nin efectivas" naqueles supostos en que chegaron a se realizar xa que, segundo acrecenta a propia entidade "noutros nin sequera se abriu unha investigación.

Amnistía Internacional alerta de que os métodos policiais empregados no estado "non sempre cumpren coas normas internacionais"

O documento feito público polo colectivo en prol dos dereitos humanos chega só uns días despois de que o director xeral da policía, Ignacio Cosidó, anunciase a reforma da lei de seguridade cidadá que prepara o goberno de Rajoy co obxectivo de prohibir a captación, tratamento ou difusión de imaxes en internet en que se poidan ver ou ouvir axentes da policía "no exercicio das súas funcións". Aplaudiu tamén a reforma do código penal español.

Criminalización da protesta social, sobre todo a obreira

Tamén están quentes aínda os ánimos das centrais CIG, CCOO, UGT e USTG após a reunión mantida co delegado do executivo español na Galiza, Samuel Juárez, en que xustificou a malleira propinada ao sindicalista Xesús Anxo López Pintos durante unha protesta a noite en que arrincou a campaña electoral. Dixo Juárez que a mobilización "era ilegal".

A CIG leva anos alertando da desmesura policial. Desde a central sindical nacionalista son reitereadas as denuncias contra actuacións policiais que cualifican de "brutais" e "arbitrarias", como por exemplo as duras cargas contra manifestantes no marco das folgas do metal nos anos 2006 e 2009. Neste sentido, desde o sindicato denuncian que a actuación policial tería por obxecto desmobilizar a resposta social, nomeadamente cando as protestas obreiras atinxen niveis de participación masiva ou a loita perdura no tempo.

Asemade, son tamén numerosas as detencións de dirixentes sindicais. Detencións que nalgúns casos desembocan en procesos xudiciais en que se piden varios anos de prisión polo feito de participaren nun piquete informativo.

Regresión democrática

Con este pano de fondo, analizamos a prohibición de tomar imaxes da policía española con Fernando Blanco e Renato Núñez, integrantes, respectivamente, de Esculca e do Movemento polos dereitos civís. Cadran os dous activistas en que a pretensión é "máis un paso do PP no camiño de quitar a careta da pseudodemocracia en prol desta semiditadura cara á que nos están a levar", en palabras de Núñez, incidindo Blanco na "dubidosa constitucionalidade" de tal reforma.

O marcado carácter ideolóxico é tamén un apuntamento común na análise feita desde estas dúas organizacións da Galiza. Di Fernando Blanco que, en ausencia duns datos obxectivos que así o constaten, a observación directa e "o sentido común" leva a concluír que o número de efectivos desprazados, a contundencia na represión exercida e o número de identificacións arbitrarias que se realizan "van en función da ideoloxía do grupo convocante".

Prohibir imaxes da policía é "máis un paso do PP no camiño de quitar a careta da pseudodemocracia en prol desta semiditadura cara á que nos están a levar"

Cita como exemplos as mobilizacións das persoas afectadas pola estafa das preferentes, aqueloutras asinadas pola plataforma Siareir@s Galeg@s, a última marcha até o cárcere de Teixeiro en apoio aos presos e presas organizada por colectivos anarquistas ou a cadea humana en solidariedade cos presos e a presa independentistas que o organismo antirrepresivo Ceivar organiza cada 24 de xullo.

Identificacións arbitrarias e en función dunha ideoloxía deducida pola vestimenta

Continuando, relata Blanco como os relatorios das equipas de observación de Esculca con motivo do Día da Patria dan conta de "numerosas identificacións desvinculadas da finalidade de prevención da delincuencia e cun obxectivo intimidatorio". Apunta que a actuación policial estivo "absolutamente dirixida", requerindo a documentación en función do aspecto físico das persoas, da vestimenta, de información previa vinculada á ideoloxía "ou identificando incluso horas despois das manifestacións", suposto este último que denuncian @s 12 encausad@s por defender a lingua galega nunha acción de Galicia Bilingüe en febreiro de 2009.

O número de efectivos desprazados, a contundencia na represión exercida e o número de identificacións arbitrarias que se realizan "van en función da ideoloxía do grupo convocante"

"Dá a casualidade que o único medio que temos para denunciar a brutalidade é xustamente a captación de fotografías e de videos que constaten esa brutalidade", e as difundidas nos últimos meses "deixaron claro" que o que viñan denunciando os movementos sociais e contra a tortura "non só é verdade, senón que é máis grave do que pensabamos", subliña Renato Núñez.

Explica que entrementres ETA ficou activa "podían ter argumentado ese afán de seguridade para a policía e prohibido a captación das imaxes, mais daquela ninguén se atreveu a facelo", mais a día de hoxe o único obxectivo que entende posíbel é "que queren mallar en nós na intimidade".

Quen é @ responsábel últim@ das imaxes?

O voceiro dos Movementos polos dereitos civís conta a denuncia que este colectivo colocou contra a difusión de imaxes da agresión racista contra unha muller menor inmigrante menor de idade no metro de Barcelona. "No video saía un cidadán que observaba a escena e non facía nada por deter o agresor. Os veciños botáronselle enriba e tivo que abandonar o seu lugar de residencia", critica.

A prohibición con rango de lei "viría dar cobertura a unha práctica que existe", pois a policía española impide xa agora que se tomen imaxes d@s axentes alegando que non está permitido

Daquela, a Axencia española de protección de datos informou que non se podía facer nada, ao non saber quen era a persoa responsábel última da difusión da gravación captada polas cámaras do metro. "A quen van multar agora? A quen tira a foto? A quen a publica nunha web? A quen a copia desa web para o seu perfil do Facebook? A quen a partilla desde esta rede social?", cuestiona Núñez.

Entende Fernando Blanco, de Esculca, que a reforma desta norma "viría dar cobertura legal a unha práctica que xa existe", pois a policía española impide que se tomen imaxes d@s axentes alegando que está prohibido, cando non é verdade. Lembramos a agresión a un xornalista durante a folga xeral de 2009, en que os antidisturbios se queixaban, sen veren as imaxes que o traballador captara, que lle tomara primeiros planos.

"El negouse a entregar a cámara e houbo unha actuación policial contra esa oposición", actuación que rematou coa imputación do xornalista por un delito de resistencia á autoridade. Reprodúcese neste caso o esquema habitual dun conflito coas FCSE: "se o cidadán denuncia acaba denunciado, a el impútanlle un delito e á policía unha falta, os axentes son declarados inocentes e a persoa multada".

"Eles tiveron sempre presunción de veracidade", engade Núñez, queixándose de que, a pesar de que agora se achegan como probas centos de imaxes estáticas e en movemento que constatan un uso excesivo da forza, "as sancións son mínimas". Fronte a unha idea que di ter clara, "que imos volver ás malleiras", asegura que o vieiro que lle queda á cidadanía é seguir volvéndose en contra destas actuacións, "a desobediencia civil, captando imaxes aínda a maior escala".

"Eles tiveron sempre presunción de veracidade e as sancións son mínimas, mesmo achegando imaxes da brutalidade como proba. Volvemos ás malleiras''

Máis dos que cómpren e non van identificados

Por derradeiro, partillan tamén ambas as organizacións dúas cuestións que constataron as equipas de observación de Esculca na súa curta traxectoria tomando nota da actuación policial nas mobilizacións que se producen na Galiza.

Dunha banda, alertan "dunha desproporción absoluta de medios policiais para concentracións con poucas persoas e sempre pacíficas"; doutra, subliñan o "incumprimento xeneralizado" da obriga de iren identificados os antidisturbios, até o punto de que, segundo confirma Blanco, "de cada 15 só un levaría a placa á vista".