O prezo da vivenda en propiedade incrementouse 19,5% no último ano

O Goberno do Estado é propietario de máis de 2.700 vivendas baleiras na Galiza

O prezo de alugar ten aumentado na Galiza por riba da media do Estado. (Foto: Europa Press)
O Goberno do Estado xa ten aprobado o seu proxecto de Lei de vivenda. Após o acordo de onte no Consello de Ministros arranca agora a súa tramitación lexislativa, nun momento onde o incremento do prezo da vivenda en propiedade e aluguer lembra o acontecido durante a burbulla inmobiliaria da primeira década do século XXI. Mentres tanto os colectivos de consumidores alertan de falla de ambición no referido ao control dos alugueres e da vivenda baleira.

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, non agochou a súa satisfacción á hora de presentar unha proposta de lei que nas súas palabras consolida o “quinto piar do Estado do benestar”. Neste sentido, cualificouna de “rigorosa, sólida, compacta e transversal” e destacou a súa capacidade para responder as necesidades das persoas e dos fogares con máis dificultades de acceso, como os mozos, que “viron limitada a súa capacidade de poder emanciparse”.

“Os poderes públicos temos que garantir o dereito á vivenda e evitar a especulación”, aseverou Sánchez, que mantivo que “a lei non vai en contra dos propietarios senón que vai en contra da especulación”. Na mesma liña, a súa compañeira de Executivo, Ione Belarra, significou que “esta lei protexe os inquilinos, que son a parte máis débil da ecuación, ponllo fácil aos pequenos propietarios e ao mesmo tempo exixe a necesaria corresponsabilidade aos grandes propietarios na garantía do dereito á vivenda”.

O esforzo para as familias

O éxito da norma está por ver e dela vai depender unha mellora na calidade de vida das galegas e dos galegos que teñen na vivenda un dos seus primeiros problemas. Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), referidos a 2019, a cidadanía galega destinou de media para sufragar o aluguer  26,9% do seu salario. Porén, 38,5% víronse obrigados a dedicar 42% do seu soldo. Ademais, dedicaron á compra da primeira vivenda 15,7% dos seus ingresos, unha cantidade só superada no ámbito estatal polos cidadáns das Balears.

O prezo da vivenda na Galiza rexistrou alzas históricas ao longo de 2021. A este respecto, o Índice de Prezos da Vivenda (IPV), publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), para o terceiro trimestre certificou un incremento para o país de 2,3 puntos na taxa anual respecto ao trimestre anterior. A maiores estas cifras anotáronse tras un comportamento similar na anualidade anterior, sinalando o Consello Xeral do Notariado que a Galiza foi o territorio do Estado español no que máis se incrementou o prezo de compravenda da vivenda en relación co ano anterior, marcando unha suba de 19,5%.

O comportamento do mercado do aluguer non foi mellor. Neste sentido, o portal inmobiliario Idealista certificou en máis de 26,6% a suba da vivenda nos últimos catro anos. Mentres en xuño de 2016 o valor medio da vivenda arrendada na Galiza se situou en 5,5 euros por metro cadrado, a contía alcanzou en xuño de 2021 os 7,4 euros. A este respecto, destacaron as alzas de Lugo e Ourense, a capital de provincia do Estado onde máis subiu o aluguer, pero tamén as localidades da área metropolitana da Coruña e de Ourense.

As vivendas baleiras

A nova Lei de vivenda outorga aos Concellos a posibilidade de fixar un recargo de 150%  no Imposto sobre Bens Inmóbeis (IBI) para as vivendas baleiras. A ese respecto, a ministra e secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, considera “pouco ético que haxa vivendas baleiras cando tantas persoas necesitan unha”.

A Galiza é o territorio do Estado coa maior porcentaxe de casas e pisos desocupados, até sumar 299.301 inmóbeis baleiros para un parque de 1,6 millóns de vivendas rexistradas, o que significa 18,6% do parque total e cinco puntos por media da riba estatal.

Un dos maiores propietarios de vivenda baleira na Galiza é o Estado, con 2.735 inmóbeis rexistrados a nome da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb).