Adega acusa o Estado e a Xunta de favorecer "intereses privados"

O Goberno do Estado dá máis tempo ás eléctricas para tramitar parques eólicos

Parque eólico en Carnota (Foto: Nós Diario).

O vindeiro mes de abril estaba sinalado en vermello no calendario das compañías enerxéticas con proxectos eólicos en tramitación. Segundo estabelecía o Real Decreto Lei 23/2020, aquelas promotoras que non tivesen aprobada antes de 2022 unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel perderían automaticamente os permisos de acceso e conexión á rede eléctrica, o que imposibilitaría continuar co desenvolvemento do proxecto. Unha recente modificación lexislativa dá máis tempo ás compañías.

O Ministerio de Transición Ecolóxica vén de aprobar unha nova normativa pola que  amplía os prazos dos chanzos administrativos intermedios relativos á Declaración de Impacto Ambiental e á Autorización Administrativa Previa e de Construción dos proxectos eólicos. Se coa lexislación vixente até decembro de 2021 se outorgaba un prazo de 18 meses para a obtención da DIA daqueles parques autorizados entre 28 de decembro de 2013 e 31 de decembro de 2017, co actual amplíase en nove meses, fixando como data tope 25 de outubro de 2022.

A nova regulamentación dá, tamén, máis tempo para conseguir outras autorizacións precisas para a posta en funcionamento dun complexo eólico. Neste sentido, a obtención da Autorización Administrativa Previa pasa de 18 meses a 27 meses e a obtención da Autorización Administrativa de Construción de 24 meses a 33 meses. A norma significa na práctica unha prórroga de nove meses máis ás eléctricas para conseguir determinados permisos, fixando a caducidade automática dos procedementos no caso de superar este nova prazo.

Denuncian a "indefensión" que supón para a cidadanía

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) considera que "esta nova modificación lexislativa, desta volta do Ministerio, volve situar a cidadanía nunha clara situación de indefensión e discriminación con respecto ás promotoras".

Nesa liña, a entidade ecoloxista entende que "esta e outras modificacións lexislativas de urxencia ás que estamos asistindo non só poñen en evidencia a falta de planificación ou improvisación coa que o Goberno estatal e o autonómico pretenden desenvolver as enerxías renovábeis, senón que están favorecendo claramente os intereses privados á costa de restrinxir os dereitos democráticos".

Adega sinala que "tanto a Xunta como o Ministerio están promovendo mudanzas normativas que alteran o procedemento administrativo relativo á autorización de proxectos de enerxías renovábeis en dous sentidos: Ampliando os prazos administrativos relativos á adquisición de autorizacións por parte das empresas e recortando á metade os prazos de participación pública da cidadanía". Ao tempo, denuncia que estas normas "coliden perigosamente con dereitos fundamentais da cidadanía e que poñen en risco a boa saúde dun Estado pretendidamente democrático".

A ampliación dos tempos ás empresas eólicas para tramitar os seus proxectos contrasta cunha mingua dos prazos á cidadanía para a consulta e alegación ás instalacións en tramitación.

Formoso aposta pola eólica como alternativa para Alcoa

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a "facilitar a tramitación de todos aqueles parques eólicos que sexan necesarios para que o prezo da enerxía sexa competitivo" na factoría de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo.

A proposta de Formoso coincide, neste caso, coa alternativa defendida polo Goberno galego, que prepara unha mudanza lexislativa mediante a Lei de áreas empresariais da Galiza para axilizar a tramitación de determinados proxectos eólicos con contratos para prover enerxía á industria.

Greenalia e Capital Energy teñen achegado a un preacordo con Alcoa para fornecerlle electricidade procedente de parques eólicos en tramitación, nalgúns casos situados en áreas non autorizadas.