Social

O Goberno español rectifica e anuncia que as menores de 14 anos poderán "dar paseos"

O ministro de Sanidade, Salvador Illa (EP).
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, tamén anuncia que o prezo máximo de venta ao público das máscaras cirúrxicas será de 0,96 euros.

 

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, vén de anunciar que as menores de 14 anos poderán saír á rúa para "dar paseos" desde este mesmo domingo. Unha rectificación das afirmacións da portavoz do Goberno español, que esta mesma terza feira anunciou que poderían saír para ir ao supermercado, á farmacia ou ao banco

Foron moitas as voces críticas coas limitacións da saída das nenas e nenos exposta polo Executivo de Pedro Sánchez, mais o titular de Sanidade incide en que "dar paseos é dar paseos". "Imos explicar estes días, con todo detalle, en que condicións se poden dar eses paseos en relación á distancia e ao tempo máximo. Tamén daremos consellos que nos dan as expertas", abundou Illa. 

"Non estamos nunha fase de desescalada, seguimos en fase de confinamento", lembrou o ministo, que reiterou a necesidade de actuar "con prudencia" pois "está en xogo a saúde pública". 

"Este é un Goberno que escoita", argumentou, "escoita á sociedade e sen ela non serían posíbeis estas medidas". Illa conta con que mañá se aprobe no Congreso a modificación do decreto do estado de alarma na que se inclúe a posibilidade de que as menores deixen o confinamento estricto. 

Será nese momento cando se coñezan os "detalles concretos". "Temos tempo para explicalo, estamos traballando nos detalles", engadiu Illa, quen apuntou que a Vicepresidencia Segunda de Asuntos Sociais, presidida por Pablo Iglesias, está a colaborar nesta decisión. 

"Aínda estamos nunha situación complicada, temos aínda un índice de casos complicado", afirmou o ministro, quen incidiu en que a saída das menores das súas casas é unha "medida de alivio"

0,96 euros a máscara

Por outra banda, o ministro de Sanidade trasladou que o Goberno marcará un "prezo máximo de venta ao público das máscaras cirúrxicas" de "0,96 euros".

Esta decisión tomouse na reunión da comisión interministerial de prezos desta tarde e pretende que estes elementos de protección se vendan "a un prezo xusto". 

Illa asegurou que o Goberno toma esta medida "para evitar abusos, non para evitar que se activen circuítos de producción nacionais" deste equipo de protección individual. 

O titular de sanidade sostivo na súa comparecencia que unha persoa "non precisa máscara" se garda unha "distancia interpersonal recomendábel de dous metros", se "lava as mans moitas veces ao día" e mantén "unha hixiene estricta dos espazos privados".

Así mesmo, desde o Executivo estatal tamén van "regular as máscaras hixiénicas" se observa "abusos no mercado" con este producto. "Estes prezos son regulábeis, segundo como evolucione o mercado", apuntou Illa.