Política

Piden ao Goberno español que rectifique as condicións para a saída de menores de 14 anos

Representantes políticas instan o Executivo de Pedro Sánchez a reconsiderar as condicións da saída das nenas e nenos. O Goberno español reúne esta tarde ao seu Comité Técnico. 
botas nenos pediatras

Aumentan as voces críticas coas restricións expostas polo Goberno español cara á saída das menores de 14 anos das súas casas a patir da vindeira segunda feira. O Consello de Ministras dictaminou que poderán acompañar ás persoas adultas en saídas xa permitidas no decreto do estado de alarma, como son acudir ao supermercado, á farmacia e ás oficinas bancarias. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, instou o Goberno a reconsiderar a súa decisión. "Manifesteime a favor de que os nenos poidan saír de casa de forma ocasional, limitada, controlada e segura", lembra nunha mensaxe publicada no seu perfil de Twitter, no que considera que a fórmula escollida polo Executivo estatal "non é a que ofrece máis garantías".

"Mellor un paseo puntual pola rúa que ir a un supermercado. Aínda hai tempo para que o Goberno o reconsidere", subliñou Feixoo, quen chamou tamén a reflexionar sobre o confinamento das adolescentes de entre 14 e 17 anos ao considerar que "pode ser a única parte da poboación que quede confinada 'sine die', polo menos até o 10 de maio".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén se mostrou contraria á medida pois afirma que "é de sentido común" que "saír a pasear por espazos abertos é máis seguro para os nenos e nenas que ir a un banco ou a un supermercado". "O Goberno central debe lembrar que rectificar é de sabios", salientou a nacionalista na súa conta de Twitter. 

O BNG rexistrou esta terza feira no Congreso unha proposta de modificación á solicitude de prórroga do estado de alarma do Goberno para prever que os menores de 14 anos poidan saír durante un máximo de unha hora diaria a espazos públicos como prazas, parques e lugares abertos, sempre acompañados dunha persoa adulta e mantendo as distancias e precaución necesarias. 

Pola súa banda, o portavoz da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, explicou no seu Twitter que "o Comité Técnico abordará esta tarde a forma idónea para a saída de menores á rúa". O tamén deputado por Galicia en Común no Congreso apunta que "será, sen dúbida, pensando nos dereitos das nenas e nenos, na súa saúde, sempre baixo criterios científicos e poñendo loxicamente o énfase en habitar o espazo público".

Tamén a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, subliñou que "nenos e nenas teñen que poder saír, con toda a prudencia, sen ir ao parque nin tocar nada". Mais engadiu que "mellor un breve paseo perto da casa, máis que ir ao supermercado ou ao banco". A líder da formación Barcelona en Comú referiuse tamén á reunión dese comité técnico: "É urxente aclarar isto na reunión técnica desta tarde".

A Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia apontan a  “superar unha perspectiva adultocéntrica onde se toma como referencia de actividades para os nenos as dos adultos, e urbanocéntrica (pensadas en saídas de entornos urbanos, non rurais)”.

Voces da pediatría, como Lucía Galán, asesora de Unicef, cualificou na Cadena Ser as condicións fixadas polo Goberno español para a saída de nenos e nenas como "sen sentido".

Comentarios