Saúde

O glaucoma afecta a 59.200 persoas, pero máis da metade descoñecen que o padecen

Os especialistas Adrián Pérez e Sofía Porto recomendan facer revisións periódicas se hai antecedentes familiares de glaucoma. (Foto: Nós Diario)
A "cegueira silenciosa" aumenta a incidencia nas maiores de 60 anos.

O glaucoma é a primeira causa de cegueira irreversíbel no mundo. Así o recolle un estudo publicado pola revista Ophthalmology, no que se revela que 3,5% da poboación de entre 40 e 80 anos padece esta patoloxía. Segundo datos da Asociación de Glaucoma para Afectados e Familiares (AGAF) publicados esta segunda feira, esta patoloxía afecta a 59.200 galegos e galegas. Porén, máis da metade deste total -arredor de 29.600- non saben que teñen glaucoma debido á ausencia de síntomas. Con motivo da Semana Mundial do Glaucoma, que decorre entre o 12 e o 18 deste mes, Nós Diario conversa con dous especialistas para coñecer as características desta enfermidade.

“Chamamos glaucoma á progresión no tempo do dano do nervio óptico. Ter o nervio óptico afectado non é glaucoma, senón que ese dano progrese”, explica a especialista en Glaucoma e Hipertensión Ocular do Instituto Oftalmolóxico Gómez Ulla Sofía Porto. A doutora sinala que o glaucoma é máis coñecido como “cegueira progresiva silenciosa”, debido a que a maior parte das pacientes non saben que padecen a enfermidade até que xa é demasiado tarde.

Un concepto parecido emprega o optometrista e membro do Colexio de Ópticos e Optometristas da Galiza Adrián Pérez, quen prefire denominar o glaucoma “ladrón silencioso”. “O glaucoma afecta as fibras do nervio óptico pero, até que estea danada unha certa porcentaxe destas, o paciente non empeza a identificar ningunha problemática visual”, sinala.

Ambos os especialistas expoñen que o principal problema do glaucoma é a perda de visión periférica, que provoca que o paciente chegue á consulta cando xa só ten o que se denomina “visión en escopeta”, é dicir, que só pode ver un pequeno campo central. Pérez engade que outros dos problemas que poden experimentar as persoas con glaucoma son os cegamentos, molestias pola claridade, dificultade de adaptación visual ao pasar dunha zona escura a outra máis iluminada, mala visión nocturna ou mesmo a perda de agudeza visual.

Se ben no glaucoma habitual -denominado glaucoma crónico de ángulo aberto- non se revela ningún síntoma, existen outros tipos desta patoloxía que presentan algunha manifestación. É o caso do glaucoma de ángulo estreito, que pode xerar dor ao aumentar a presión ocular. 

Factores de risco

A idade é o principal factor que inflúe no desenvolvemento do glaucoma, unha patoloxía que "aumenta a súa incidencia coa idade, principalmente en persoas maiores de 60 anos", di Porto, quen advirte de que non é un factor decisivo, pois tamén poden desenvolver esta patoloxía persoas novas. 

Así, ambos confirman os datos achegados pola AGAF sinalando que “ten sentido” que haxa unha gran cantidade de poboación galega con glaucoma dado que o país ten unha poboación envellecida. Ademais, Porto sostén que na Galiza existe unha grande incidencia do glaucoma pseudoexfoliativo, de transmisión xenética, que provoca que se tapone o desaugue do ollo e, consecuentemente, aumente a presión ocular. “Os distintos tipos de glaucoma diferéncianse pola forma na que se manifestan no paciente”, conclúe Pérez.

“Os distintos tipos de glaucoma diferéncianse pola forma na que se manifestan no paciente”, conclúe Pérez

"Os tratamentos do glaucoma son moi personalizados"

Os antecedentes familiares, a idade, a diabetes, o sobrepreso ou a miopía son algúns dos factores que poden influír no desenvolvemento dun glaucoma. A pesar de que esta enfermidade aínda non ten cura, existen diversos tratamentos que combaten as súas principais consecuencias. Os glaucomas causados polo aumento da tensión ocular poden tratarse cunhas gotas que reducen esa presión.

Tamén se utiliza a técnica da Trabeculoplastia Láser Selectiva (LST). “É un tratamento que comezou a usarse moito en glaucomas iniciais”, explica Sofía Porto, e consiste en “dar cun láser no desaugue do ollo para que se filtre máis líquido”. Cando o glaucoma está máis avanzado, debe realizarse unha cirurxía. “O tratamento é moi personalizado, non hai un protocolo exacto, depende do tipo do paciente, do tipo de glaucoma e do tipo de ollo".