Opinión

Problemas

[Alberte Mera]

As denuncias de profesionais da Medicina e de asociacións de pacientes acumúlanse perante Sanidade. Ás críticas das plataformas en defensa da sanidade pública sumáronselle nos últimos días as de distintos colectivos profesionais do ámbito médico, nomeadamente de Medicina Interna, un persoal extasiado pola sobrecarga asistencial perante a falta de persoal, recursos e medios por parte do Sergas. Unha realidade que nin o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, pode xa negar, recoñecendo onte mesmo, a preguntas da prensa, a existencia de "problemas" na sanidade pública pola falta precisamente de persoal.

Ao tempo que o mandatario galego facía estas declaracións, facíase público que a área sanitaria de Vigo clausurará durante os meses de verán 11% de camas hospitalarias. Será 10% as que fechen na área sanitaria da Coruña, ao igual que nas zonas de Lugo, A Mariña e Monforte. Todo un éxito de xestión para o verán, porque como ben se sabe, no verán a xente non enferma. Asuman responsabilidades na Xunta e, sobre todo, poñan medios e recursos, coiden de quen nos coida, porque a sobrecarga laboral, como indican os propios médicos internistas, afecta dous colectivos á vez: o do persoal médico e as persoas usuarias.

Comentarios