Gallardón di que manterá despenalizado o aborto perante "risco grave de dano psicolóxico" para a grávida

Protesto polo aborto [SG]

A decisión das mulleres sobre o seu corpo queda en mans dunha ou dun profesional médic@. Con todo, foi este o suposto ao que máis se acolleron até a aprobación da lei de 2010, avocadas a alegar enfermidade psicolóxica para exerceren o dereito á interrupción do embarazo


O ministro español de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, segue a soltar pequenas pílulas a respeito da contrarreforma da lei do aborto que está a preparar. 

Nunha entrevista concedida á emisora de radio Onda Cero, adiantou que ficará despenalizada a interrupción voluntaria en caso de risco de dano psicolóxico para a muller grávida, un suposto que non convence nin a partidari@s nin a detractor@s do aborto: ás primeir@s porque a decisión sobre o corpo das mulleres non lles corresponde a elas propias, senón a unha ou un médico, véndose avocadas a alegar enfermidade psicolóxica aínda sen a padecer para poder exercer este dereito; ás segund@s porque o consideran "un coadeiro" por ser este o suposto ao que se acolleron máis mulleres até 2010 para interromper o seu embarazo ao non ter un prazo asignado na lei de 1985. 

Na norma que segue aínda vixente as mulleres poden abortar sen alegar motivo até a semana 14 e até a semana 22 en caso de grave risco. Até o de agora o único que deixara claro Gallardón fora o regreso a unha lei de supostos "esencialmente" similar á de 1985, derrogando a de prazos que fica vixente desde 2010. Dos tres supostos en que a interrupción voluntaria do embarazo era daquela legal, dixo que o de violación se mantería e que o de malformación do feto desaparecería