Roi Cuba, presidente de Adega

Roi Cuba: "Galiza é utilizada como unha colonia, un espazo de produción enerxética"

O biólogo lugués e novo presidente de Adega, Roi Cuba (Foto: Nós Diario).
A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) vén de anovar a súa directiva, que durante os dous próximos anos encabezará Roi Cuba. O biólogo lugués reflexiona con Nós Diario sobre esta nova etapa, que afronta con ilusión e centrado en dúas cuestións: a "invasión eólica" e a "eucaliptización".

Após exercer como vicepresidente de Adega nos últimos anos, como afronta esta nova etapa á cabeza da organización?

Primeiro de nada, gustaríame agradecer a Virxinia Rodríguez (ex presidenta) o traballo realizado no seu mandato. Para min é un pracer representar esta organización á que tanto agarimo lle teño. Estou moi satisfeito por achegar o meu gran de area e seguir aprendendo. Vai ser doado porque temos un equipo fantástico, a directiva é moi ampla e contamos con especialistas en distintos sectores.

Adega leva desde 1976 participando de todas as loitas ambientais do país e defendendo a poboación, e neste tempo houbo pequenas e grandes vitorias. Penso que Galiza lle debe moito a esta asociación.

Que retos se marca para os próximos dous anos?

Na última asemblea falamos das liñas estratéxicas a seguir, e agora mesmo o que máis nos preocupa é a avalancha de proxectos eólicos que temos na Galiza. Tamén pomos o foco na eucaliptización que padecen os montes do país.

Aliás, gustaríame salientar que Adega incide moito nos labores formativos e de divulgación para pór en valor o patrimonio ambiental galego. Son iniciativas das que me encanta participar, como o Proxecto Ríos ou o fomento da compostaxe. Traballamos en diferentes eidos nos que achegamos cousas moi positivas.

Fai vostede alusión ao inzamento de parques eólicos no territorio galego. Que aspectos cómpre mudar da política enerxética?

A principal medida que reclamamos á Xunta é a aplicación dunha moratoria da autorización destes proxectos. En 2020 producimos 18% da enerxía eólica do Estado, nunha superficie moito menor que a doutros territorios. O que están facendo é utilizar Galiza como un espazo de produción enerxética, aplicando unha política colonial como tamén fan coa elaboración de celulosa. Como asociación ecoloxista estamos a favor das renovábeis, mais non á custa da destrución da biodiversidade.

Adega ten denunciado en numerosas ocasións a "fragmentación artificial" de grandes proxectos eólicos en pequenos parques, que consecuencias ten isto nos territorios afectados?

A fragmentación dos macroparques é unha das fraudes que se están a cometer na Galiza, porque impide que se faga unha avaliación ambiental completa. Adoita haber eivas nas listaxes de especies que aparecen como afectadas, mais tamén se perciben as carencias destes estudos de impacto no patrimonio cultural. Téñense construído parques eólicos en lugares onde non se tiveron en conta bens patrimoniais como petróglifos, mámoas, dolmens...

Considera que as empresas poden ver un filón na Galiza para os seus negocios?

Temos un caso terríbel de portas xiratorias coa incorporación de Beatriz Mato (ex conselleira de Medio Ambiente) a Greenalia, unha das empresas cuxos parques causarían un maior impacto de se aprobaren. O modelo actual prima a obtención de beneficios para as empresas, boa parte delas de fóra do país, e sen deixar á poboación galega nada máis que as migallas.

É un espolio total dos nosos recursos, e desde Adega pensamos que o vento non ten que estar sometido a estas concesións, senón que é un ben de utilidade pública e, de explotarse, debe facerse perto dos lugares nos que se vaia consumir a enerxía producida. E debe repercutir beneficiosamente sobre as zonas nas que se instalan os parques eólicos.

No tocante á política forestal, que problemas afrontan os montes galegos?

Estanse a facer políticas forestais sen ter actualizado o inventario forestal da Galiza, totalmente caducado. Fálase de que o eucalipto ocupa arredor de 400.000 hectáreas, mais é practicamente seguro que superamos o medio millón. Recentemente saíu a moratoria, e como se anunciou antes de aplicala moitos propietarios puxéronse a plantar eucaliptos antes de que llo prohibisen.

Esta leva anos sendo unha das nosas grandes preocupacións, e temos feito moito traballo de sensibilización. Apostamos por un monte máis diverso que beneficie as poboacións rurais e a biodiversidade.

Falaba antes das vitorias de Adega, cal lle gustaría lograr a vostede?

Que se retirasen os grandes encoros do río Miño e inzase a biodiversidade. É un obxectivo utópico, mais debemos marcarnos este tipo de metas como asociación ecoloxista. O ideal sería que unha organización como Adega non tivese que existir.

"Un paso máis aló" na protección do medio

Unha das cuestións sobre as que a directiva de Adega puxo o foco na última asemblea é a custodia de terreos para a reparación ambiental. "Tentamos non centrarnos só na conservación do territorio, senón ir un paso máis aló. Como o noso medio ambiente xa está moi danado, queremos falar tamén de restauración, de recuperar valores naturais ou culturais que se perderon", explica Cuba.

Malia que a Xunta é a responsábel de estabelecer zonas protexidas, Adega aposta por traballar tamén en pequenos espazos, con proxectos ecoloxistas como a Eira da Xoana (Ramil, Agolada) ou o Couto da Eirexiña (Rebordelo, Cerdedo-Cotobade). "Queremos trasladar a toda a poboación eses exemplos que xa temos nas parcelas que custodiamos. Pódese facer un traballo moi interesante para a biodiversidade até montando un composteiro nunha vivenda", di.