Mobilizacións en todo o país polo 25-N

A Galiza volve tomar as rúas contra a "xustiza patriarcal"

Milleiros de persoas participaron na manifestación que percorreu Compostela desde a praza do 8 de marzo até Praterías (Foto: Arxina).
Máis unha vez, o movemento feminista galego fixo este 25 de novembro unha demostración de forza contra as violencias machistas, presentes en "todos os ámbitos", e fronte a unha "xustiza patriarcal" que "dubida máis da vítima que do agresor".

O 25 de novembro de 1960 foron asasinadas na República Dominicana as irmás Patria, Minerva e María Teresa Mirabal polas forzas ditatoriais de Rafael Trujillo, debido á súa implicación na loita pola democracia, a liberdade e a igualdade. O cruento crime provocou que a ONU declarase esta data en 1999 como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Nesta quinta feira, 61 anos após aquel acontecemento, e como vén sendo habitual ao longo da última década, o movemento feminista galego volveu tomar as rúas en sinal de unidade e repulsa contra todas as violencias machistas.

As primeiras concentracións decorreron na quenda de mañá nas sete cidades e outras localidades do país da man, por unha banda, da CIG, e por outra, de UXT e CCOO. O discurso destas mobilizacións centrouse en denunciar o acoso no eido laboral, que, segundo un estudo da Unión Europea, en 90% dos casos sofren mulleres.

Pola contra, tal e como lembrou na concentración da CIG en Compostela a súa secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro Monteiro, "a inmensa maioría das traballadoras opta por calar por medo a non seren cridas, a represalias e mesmo ao despedimento". No Estado español denúncianse 8% dos casos, fronte a 14,9% da media da UE.

Sentada contra o acoso en Políticas (USC)

Precisamente para protestar contra o acoso, mais neste caso no ámbito universitario, concentráronse na mañá desta quinta feira decenas de estudantes fronte á Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), convocadas polos colectivos estudantís Xuntas por Políticas e Urxe!.

Coreando consignas como "se tocan unha, tócannos a todas" ou "a USC será feminista ou non será", as alumnas e os alumnos realizaron unha sentada a modo de protesta contra o presunto caso de acoso dun estudante de Erasmus a varias compañeiras da carreira e da residencia onde vive; "cando menos 30" mozas afectadas, segundo denunciou Aida Ferreiro, de Xuntas por Políticas, que recibían insistentes mensaxes a través do móbil e mesmo notas baixo as portas das súas habitacións na residencia. Este alumno recibira máis dun cento de denuncias na súa universidade de orixe pola mesma cuestión.

A USC activou o protocolo contra o acoso e abriu unha investigación, e onte o decano de Políticas, Ramón Bouzas, celebrou a "reacción do alumnado" e asegurou que este tipo de situacións "son intolerábeis" nunha institución pública que "fomenta a igualdade e o pluralismo".

Andaina polas vítimas de violencia machista con enfermidades mentais

Contra as 11.30 horas, a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, en Cervo, organizou unha andaina reivindicativa que rematou coa lectura dun manifesto fronte ao Concello. Esta entidade rexenta a única casa de acollida para vítimas de violencia machista con problemas de saúde mental da Galiza, inaugurada a finais de 2018, a primeira no Estado español. Ten catro prazas, das que hoxe están ocupadas dúas, e neste centro traballan tamén dúas vítimas de violencia machista.

"Unha vítima de violencia de xénero cunha enfermidade mental sofre unha tripla discriminación: por ser muller, pola súa patoloxía e pola dificultade engadida que isto ten para que a crean. Se xa é difícil para unha muller sen ningunha doenza mental... Por iso moitas veces non denuncian, porque pensan que non a crerán, e moitas veces é así", expuxo en declaracións a Nós Diario a directora técnica xeral e de vivenda tutelada para vítimas de violencia machista con enfermidade mental desta asociación e traballadora social, María José Nóvoa.

As vítimas que padecen doenzas mentais sofren unha "tripla discriminación"

Explicou que marcharon onte por Cervo, portando paraugas morados, porque a sociedade "non pode mirar cara outro lado" fronte a unha problemática social "que afecta todas as mulleres". "Oxalá non tivésemos que conmemorar o 25-N, que para nós é todos os días", dixo, ao tempo que salientou a importancia da educación desde as idades máis temperás: "Teño visto rapaces restaren importancia á violencia machista porque hai máis vítimas mortais en accidentes de tráfico, ou mozas que ven como algo natural que as súas parellas lles controlen o móbil ou con quen quedan, porque o entenden como unha mostra de amor", afirmou.

Alén deste evento decorreron outros en sinal de repulsa contra as violencias machistas en concellos como Carballo, Ponteareas, Redondela, Ribeira, Tui ou Verín.

Marchas do 25-N contra a "xustiza patriarcal"

Pasadas as 20 horas marcharon milleiros de persoas polas rúas da Coruña, Compostela, Ourense e Vigo, e senllas concentracións en Ferrol, Lugo, Pontevedra e outros 25 municipios do país. En Pontevedra, o Colectivo Feminista organizou tamén unha concentración na que realizaron unha performance titulada "a nosa soga é unha toga", en alusión ao "sistema xudicial patriarcal".

Na capital galega, unha ateigada praza 8 de marzo daba inicio á manifestación entre berros de "desculpen as molestias, estannos asasinando". Con rostro serio, paso firme e unha unánime condena do machismo a través de diferentes cánticos proseguiu a marcha até a praza de Praterías.

O lema das concentracións deste ano, convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres (MMM), foi 'Combater a xustiza patriarcal para acabar coa violencia machista'.

"O sistema dubida máis de nós que dos agresores", criticaron as entidades convocantes

Ao remate de cada mobilización leuse un manifesto común que lamentou que se "cuestione constantemente" a palabra das vítimas: "Cando por fin reunimos o valor de facer o que se nos recomenda en todas as campañas contra a violencia e denunciamos, topamos cun sistema que dubida de nós, que nos culpabiliza polo noso modo de responder ás agresións, por como vestimos, por como falamos, pola nosa vida sexual, polo noso comportamento afectivo... E obríganos a demostrar como e cando nos agriden sen cuestionar nin un segundo os nosos agresores".

Neste senso, o texto convidou a "sinalar os culpábeis de espallar a violencia patriarcal, quer por seren mornos, quer pola súa complicidade, pasividade ou acción directa", ao tempo que censurou que "determinadas institucións" pretendan "instrumentalizar" o discurso feminista. "As leis de igualdade e contra a violencia machista definen un marco legal de protección ás mulleres que non é efectivo", proseguiu o manifesto.

Por todo isto, as manifestantes urxiron, entre outras cuestións, un acompañamento profesionalizado ás vítimas desde o momento da denuncia, solucións económicas "reais" para elas, formación específica para todo o persoal que atende estas mulleres, reforzar os xulgados galegos de violencia machista dotándoos de máis recursos, exixir que o acoso sexual e laboral se tipifique como un caso máis de violencia machista, revalorizar as categorías profesionais vencelladas aos coidados, rematar coa fenda salarial ou ofrecer unha atención sanitaria con perspectiva de xénero.