A violencia contra a muller no traballo segue invisibilizada

Exixen ás empresas protocolos de prevención e tratamento do acoso, así como mecanismos preventivos e de resolución de denuncias
O Consello estima que deberían estabelecerse as obrigaspara a Administración Pública como entidade empregadora no que se refire aos dereitos de igualdade e conciliación(Foto: Nós Diario).
photo_camera Moitas das condutas de acoso no ámbito da empresa contra mulleres quedan sen denunciar. (Foto: Nós Diario)

A violencia contra as mulleres ten moitas manifestacións que non só se limitan ao ámbito domestico. No laboral tamén se dan casos, aínda que a loita contra este tipo de condutas fica aínda "invisibilizada, borrada, ocultada e ignorada".  

Así o denuncia o sindicato CIG, que esta quinta feira, con motivo do Día internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, centra a súa campaña na violencia contra a muller no ámbito laboral. Nela chama a non tolerar o acoso e actuar sancionando calquera situación de violencia no traballo, garantindo que esta non se volva repetir e que haxa unha reparación do dano á vítima. 

Porén, como sinala o sindicato, "na maioría dos casos non se detecta e se actúa axilmente por parte da empresa, senón todo o contrario. As empresas seguen protexendo en numerosas ocasións os agresores".

A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, indicou na presentación da campaña que "moitas mulleres non identifican co acoso condutas sexistas que poderíamos considerar leves ─comentarios, piropos, chistes…─", pois, de facelo, "as afectadas sobrepasarían 50%". Tamén recoñeceu  que aínda hai moitas mulleres que non asumen o acoso en todas as súas vertentes (sexual, moral, por razón de sexo ou por orientación sexual e identidade de xénero) como delito.

Isto provoca que as denuncias por acoso "son mínimas", xa que 72% das afectadas non pon en coñecemento da empresa a situación que están a padecer. "A inmensa maioría das traballadoras optan por calar, por medo a non ser cridas, a represalias e mesmo ao despido", evidenciou Castro.

Máis protocolos

Ante esta grave situación, desde o sindicato insisten na necesidade de pór en marcha protocolos específicos nas empresas, así como mecanismos preventivos e de resolución de denuncias e difundilos, lembrando tamén que este tipo de condutas se poden denunciar fóra da empresa, na Inspección de Traballo ou nos xulgados.

Castro chamou a atención sobre o feito de estes protocolos "só constan en 22% dos plans e só 14% fan referencia ao acoso sexual ou por razón de sexo. Medidas preventivas só se recollen no 6%", aseverou.

A violencia contra as mulleres no traballo debe evidenciarse, e para iso é preciso dar conta a través de estatísticas da situación real e difundir esta realidade para así "promover a conciencia real necesaria para erradicar esta forma de discriminación das mulleres traballadoras". 

Risco para a saúde

Só así se podería atallar unha realidade que "atenta contra a dignidade e integridade das persoas, afecta gravemente á saúde de quen o padece e impide a promoción e o desenvolvemento profesional, obrigando en moitos dos casos a abandonar o traballo".

Neste senso, a pesar dos efectos na saúde, a secretaria das Mulleres da CIG apuntou que 9 de cada 10 mulleres sometidas a acoso non solicitou ningún tipo de baixa. Por iso insistiu na necesidade de que as baixas producidas como consecuencia directa de acoso estean así tipificadas, de forma que se recoñezan como enfermidade laboral. "O acoso tería que estar recoñecido entre os riscos laborais para a saúde", concluíu Castro.

Comentarios