Galiza, á cabeza do Estado en quilómetros de peaxe

Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Foto: Arxina).
Esta cuarta feira, primeiro de setembro, Galiza pasa a liderar este ránking con 331 km de pagamento ao quedar liberados desta carga catro novos treitos: a AP-7 entre Tarragona e La Jonquera e a AP-2 desde Zaragoza até El Vendrell ademais das catalás C-32 e C-33 que unen Barcelona con Lloret de Mar e Montmeló.

Os cálculos que sitúan Galiza como o territorio do Estado con máis quilómetros de peaxe son da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada da Galiza (Apetamcor).

Nun comunicado dirixido aos medios salienta que desde 2018 expiraron varias concesións e pasaron a formar parte da rede pública estatal varios centos de quilómetros ao mesmo tempo que algúns deixaron de ser de pagamento. Ningún na Galiza.

Cambios na rede estatal

Foi o caso da AP-1 entre Burgos e Armiñón (84 km) a finais de 2018, da AP-7 entre Alacant e Tarragona (474 km) desde xaneiro de 2020 e da AP-4 entre Sevilla e Cádiz (94 km), tamén en 2020.

A estas liberacións, únense este 1 de setembro o treito da AP-7 desde Tarragona até o paso fronteirizo de La Jonquera e o da AP-2 entre Zaragoza e o Mediterráneo. Xuntas sumarán máis de 640 km.
No caso da AP-7, o fin da concesión supón tamén para o transporte profesional o remate da peaxe obrigatoria á que estaba sometido desde 2013.

A estas mudanzas Apetamcor suma outras dúas: a fin da concesión das autoestradas C-32 (Barcelona-Lloret de Mar) e C-33 (Barcelona-Montmeló), ambas dependentes da Generalitat e dos pagamentos obrigatorios, á espera de que o Goberno catalán estude a posibilidade de estabelecer outro sistema, ao igual que o Estado analiza facer o mesmo en autovías

Fin das peaxes na Galiza

Coa desaparición das peaxes nos treitos indicados, Catalunya cédelle a Galicia o 'honra' de ser a comunidade autónoma co maior número de quilómetros de peaxe, en concreto 331 km, seguida de Castela A Mancha con 214 km e Euskadi con 162 Km.

"O tratamento discriminatorio con Galiza non só se reflicte no liderado deste ranking", defende a asociación profesional, senón noutros dous aspectos: "Soportarmos as tarifas máis elevadas, malia a moi moderada rebaixa pactada polo Goberno español e Audasa e uns prazos esaxeradamente longos para a liberación dos treitos de peaxe existentes".

Así, detalla, a da AG-55 (A Coruña-Carballo) non chegará até 2045, ao igual que a da AG-57 (Puxeiros-Val Miñor). En 2048 terá lugar a da A-P9 (Ferrol-Tui) e en 2073 a da AP-53 (Santiago-Lalín).

Bonificacións e seguiridade viaria

Así, desde a Federación Galega Fegatrans-Apetancor, en sintonía coas demais organizacións do sector do transporte e a loxística, "seguimos a defender unha rebaixa xeneralizada das peaxes para vehículos pesados na Galiza" de polo menos 55%, que afecte tamén á AP-53 e ás autonómicas AG-55 e AG-57. 

"Só a partir dunhas bonificacións desa dimensión pode resultar atractivo para os profesionais do transporte público circular por estas vías de alta capacidade, e por tanto lograr o obxectivo de recuperar para estas os tráficos pesados que de forma maioritaria se desviaron ás estradas convencionais”.

A este beneficio suman a mellora da seguridade viaria e a desconxestión da rede viaria convencional. E piden para os vehículos pesados a eliminación das peaxes das nas principais áreas metropolitanas da Galiza, “indispensábel para a mellora da competitividade dos suxeitos industriais sitos nos polos máis sobranceiros de actividade económica do noroeste peninsular”.