Asociacións de transporte por estrada cualifican de "insuficientes" as rebaixas na AP-9

"O mes que vén, coa finalización da concesión e consecuente levantamento das peaxes na AP-7 e a AP-2, Zaragoza-Mediterráneo, un terzo dos quilómetros de peaxes estatais situaranse en Galiza", lamentan.
Imaxe dunha peaxe (Xunta da Galiza)
photo_camera Imaxe dunha peaxe (Xunta da Galiza)

O Cluster da Función Loxística de Galiza e as principais asociacións de transporte de mercadorías por estrada da galiza ( Fegatramer,  Apetamcor e  Fetram) tachan de "insuficientes" as bonificacións que o Ministerio de Transportes vai poñer en marcha na AP-9.

Un estudo técnico realizado por do Cluster identifica que, para que as bonificacións sexan realmente eficientes, precísase que sexan, como mínimo, do 55%, e do 100% en tramos como as circunvalacións das cidades ou en zonas onde a autoestrada debe servir como itinerario alternativo á autovía A-55, na contorna do Porriño.

A este respecto, refírese ao "escaso impacto" que tiveron no ano 2015 as bonificacións do 35% nunha parte da autoestrada, motivo polo cal só duraron cinco meses en funcionamento. Igualmente, censuran que "existe unha situación de desequilibrio" no territorio español, que repercute na competitividade das empresas galegas.

"O mes que vén, coa finalización da concesión e consecuente levantamento das peaxes na AP-7 e a AP-2, Zaragoza-Mediterráneo, un terzo dos quilómetros de peaxes estatais situaranse en Galiza. Unha porcentaxe que se eleva até o 44% se analizamos os quilómetros de peaxes estatais soportadas polo noroeste do Estydo", expoñen.

E iso supón unha "situación gravemente prexudicial" para a economía galega, "que ve como os produtos aquí producidos son menos competitivos por ter uns custos de desprazamento uns 50% superiores ao resto do Estado como consecuencia das peaxes".

Na mesma liña, o sector do transporte e a loxística inciden na necesidade de que, no caso de implantarse un sistema de cobranza polo uso das autovías, este non prexudique os territorios periféricos.

Comentarios