Galiza, terra de empanadas

A empanada é unha das receitas estrelas da gastronomía galega (Foto: Nós Diario).
A chegada do verán trae consigo a realización de máis actividades de exterior, e un dos pratos estrelas nos pícnic e excursións dos galegos e galegas é, como non podía ser doutro modo, a empanada.

A empanada é un dos pratos máis típicos da gastronomía galega, unha receita perfectamente representativa da riqueza social, xeográfica, cultural e alimentaria que caracteriza esta terra.

Así, de norte a sur e de leste a oeste existen variedades típicas e representativas de cada territorio, sendo as seguintes algunhas das máis destacadas:

Empanada de millo

O eterno debate: empanada de millo ou empanada de trigo? Para gustos, cores, pero a segunda ten un carácter máis anello e tradicional e certo prestixio entre os padais máis esixentes. Característica de zonas do sur do país e da costa, onde a implantación do millo foi superior, a súa masa densa e sabor intenso, independentemente do recheo, son algunhas das características detrás do seu éxito. 

Empanadas mariñeiras 

Galiza é terra de mar, e por iso os produtos mariños son un dos que máis triunfan como recheo da empanada. Así, polbo, xoubas, bacallau (con ou sen pasas), raia e mesmo o sempre arriscado sabor da lamprea conforman algunhas das empanadas máis demandadas tanto por galegas como por visitantes. Outros sabores moi demandados son berberechos, ameixas, pescada, mexillóns, congro, vieiras, zamburiñas, calamares, sardiñas ou chocos, unha variedade esta moi característica da ría de Vigo.

Empanada de Costrelas de A Rúa Vella

Esta empanada tan peculiar que conta co seu propio festexo, a Festa da Empanada de Costrelas de A Rúa Vella -que en 2019 completou o límite da súa capacidade reunindo a máis de 400 persoas-, está rechea de costela de porco, e ten como característica principal que se "destapa" antes de servila.

Empanada de zorza 

Máis común no norte do país que noutras áreas, a masa adoita ser de trigo cun recheo de picadillo de carne de porco aderezado con pemento e allo que fará as delicias de toda aquela persoa que se atreva a darlle unha oportunidade a esta receita.